O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá en Ribadumia na inauguración deste evento, centrado no eido vitivinícola.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración da 2ª xornada do V Foro de Innovación produtiva do sector agrario, organizado pola Xunta, e que se celebra nas instalacións da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra), adscrita a esta axencia da Consellería do Medio Rural.
Neste acto, Alemparte salientou que a industria vitivinícola enfronta retos como o cambio climático, a sustentabilidade, a dixitalización e a evolución das preferencias dos consumidores. A innovación é clave para garantir a competitividade e a calidade na produción dos viños, e puxo en valor a decidida aposta da Xunta prol de impulsar a I+D+i no sector agrario e insistiu na importancia da innovación e de aproveitar as oportunidades que ofrece. Nesta liña, sinalou que os consumidores buscan produtos de calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar animal, mentres que os produtores demandan, ao tempo, rendibilidade e comodidade.
Todo isto, subliñou o director, é posible grazas ás novas tecnoloxías, como a robótica ou a intelixencia artificial, que potencian a eficiencia das explotacións, incrementan a produtividade e melloran a calidade de vida. Ademais, son unha ferramenta fundamental para afrontar os retos medioambientais e de benestar animal que se lle están a esixir ao sector, remarcou Alemparte.
Catro xornadas
Este V Foro estrutúrase nun total de catro xornadas. A primeira tivo lugar na Cidade da Cultura o pasado día 27 de febreiro e contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Esta de hoxe en Ribadumia é a segunda, e está centrada no mundo do viño. A maiores, terán lugar outras dúas xornadas máis: o 27 deste mes de marzo no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense), e o 11 de abril en Ribadeo (Lugo).
O obxectivo desta iniciativa de Medio Rural é dar a coñecer ata 35 diferentes proxectos que buscan resolver os problemas do presente e do futuro deste eido produtivo. Ademais, nalgúns deles están presentes os centros de investigación dependentes da Consellería.
En particular, no programa desta xornada de hoxe en Ribadumia figura a presentación dun total de sete iniciativas, todas elas vinculadas coa viticultura e a enoloxía. Entre elas atópanse proxectos sobre tratamentos fitosanitarios, cultivo sustentable do viñedo, produción de planta de vide resistente a determinadas enfermidades ou xestión de rega.
Ademais, aproveitarase a ocasión para difundir as vantaxes do proxecto Fitovit, promovido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia -adscrita a Medio Rural-. Esta iniciativa ten entre os seus obxectivos informar do risco sanitario do viñedo galego en tempo real para mellorar a eficacia dos tratamentos, aplicándoos no momento oportuno, e reducir os danos ocasionados polas enfermidades endémicas o organismos nocivos en xeral, así como o número de tratamentos fitosanitarios. Para acadar estas finalidades, púxose en marcha, no marco do proxecto, unha aplicación informática pública (web e móbil) que axudará á toma de decisións sobre a utilización de posibles tratamentos fitosanitarios no viñedo.