Baxi Ferrol fóra da Copa logo de perder no duelo directo contra o Leganés

O Baxi Ferrol morreu na beira. Unha derrota en Leganés, nun duelo directo para a clasificación copeira contra o cadro local, rematou coas esperanzas dun equipo que cometeu moitos erros en ataque, e que non foi capaz de parar a Dodson e Sangaré, con 27 puntos entre as dúas e 10 rebotes a catro mans baixo o aro ferrolán.
Curiosamente, cando parecía que as galegas podían crecer no segundo cuarto, foron sorprendidas por un rival sen pivotes. A igualdade marcou o partido, que rematou cun gran cuarto de Melia. O traballo da irlandesa non estivo acompañado polo acerto das súas compañeiras e o Leganés gañou nun final no que a Dudášová e a Driessen non lle tremeron os pulsos nos tiros libres.

As triplas manteñen ao Baxi Ferrol

Un acerto e un erro nos primeiros ataques de cada equipo abriron un partido no que a igualdade se presumía. Lino López decidiu ataques co equipo aberto, poñendo a Joiner no interior para postear a Lapuerta. A idea só funcionou no primeiro intento.
O equipo foi despendurándose en ataque e en defensa sumou a terceira falta en dous minutos e sete segundos. Sangaré, alén dos 6,75, sumou o quinto dos sete puntos que levaba o Leganés. Entre despistes e a pelexa con Melia era a dona do xogo nos primeiros cinco minutos.
Con 11-4, a dura defensa local igualou en faltas ao Baxi Ferrol. Os dous equipos estaban en bonus a 4:28 para rematar o segmento. Joiner non acertaba e Šotolová saltou á pista. Melia, fixando a Sangaré baixo o aro, achegou ás súas cun 0-6.
A zona montada por Lino López comezou a funcionar. Logo de dous erros defensivos, un deles con perda e puntos para Herlihy, Šotolová anotou a súas dúas primeiras triplas (17-17). A continuación, Joris copiou e gañou a primeira vantaxe galega. Malia todo, Andělová igualou o cuarto con outro acerto de longa distancia.

Leganés iguala sen pivotes

O Leganés anotou a primeira canastra do segundo cuarto, pero o Baxi Ferrol sentiuse máis asentado en todas as facetas. Lino López optou polos centímetros, as accións individuais de Rodríguez e a condución de Šotolová. As ferrolás transformaron iso nun 0-8. A intensidade defensiva melloraba con recuperacións, rebotes e só unha falta en medio cuarto. Dodson posteou a Rodríguez e parou a xeira.
O Baxi Ferrol estaba mellorando a súa coralidade ofensiva cando o Leganés mantiña a Dodson como seguro anotador na pintura rival. En calquera caso, o aro cuspiu dous libres consecutivos de Bermejo, Dodson fixo a terceira antes do sexto minuto e Blanca Millán anotou tres logo dun rebote ofensivo de Melia, que tamén colocou unha tampa a Driessen.
Na mellor fase de xogo visitante, o Baxi Ferrol afastábase cun 28-35. A irlandesa estaba máis cómoda coa defensa de Sangaré que coa de Dodson. Así, parafusouse baixo o aro inimigo para facer o seu sétimo punto. Unha tripla de Blanca Millán desde o recanto devolveu ás visitantes os sete puntos de marxe.
Ad boas sensacións pararon cando Javi Fort sorprendeu cun cinco sen as súas dúas grandes. Driessen, de dous, e Bermejo, de tres, apertaron o marcador para entrar no derradeiro minuto do primeiro tempo. Unha entrada de Dudášová igualou a 40.
Lino López decidiu deseñar a última xogada antes do descanso, pero nada saíu segundo o previsto. Melia fixo falta en ataque a Dudášová a falta de cinco segundos e, tras o tempo de Font, Driessen errou de tres, o que non lle impedía ser a máis valorada do partido cun 12. O cuarto remataba co segundo 20-20 do partido.

Pequeno colapso ao final do terceiro cuarto

Dous rebotes ofensivos axudaron a que Daniels anotara os primeiros puntos do segundo tempo. O partido moveuse entre os dous puntos arriba para as visitantes e os empates. Cada equipo repetía o do rival en cada ataque. Só o variou Andělová cunha tripla (49-48).
Dodson entrou a tres minutos e medio, cando Melia tamén acumulaba a terceira falta. O Leganés tomou nova vantaxe tras un ataque con tres rebotes ofensivos e tripla de Dudášová (55-54). Un erro en entrada de Joiner continuou cunha tripla de Sangaré. O Baxi Ferrol sufría no final do cuarto. Ao Leganés saíalle todo, como nunha canastra en mala posición de Herlihy.
Rodríguez anotou dous libres para fechar o período e diminuír a segunda máxima diferenza para as locais. O Leganés seguía coa media de dous puntos por minuto, o Baxi Ferrol a rebaixara.

Melia non pode con todo

O derradeiro cuarto comezou cunha tripla de Joris cuspida polo aro e un dous máis un de Sangaré. A maliense errou o libre. Dodson impúñase na zona propia a Daniels. Lino López incorporou a Melia para compensar o poder das altas locais no cuarto decisivo.
A irlandesa respondeu nos seus posteos, pero cando conseguiu reducir a dous a desvantaxe, pero Lahuerta acertou de tres (67-62).
Melia fixo a cuarta falta, esta vez en ataque, segundos antes do paso polo ecuador do período. O mellor para a escuadra galega era que Dodson, brillante sen a pelota, erraba en tiros perto do aro.
O Baxi Ferrol non tiña claridade ofensiva e Joiner substituíu a Šotolová. Pouco despois, o Leganés púxose en bonus a 3:30. Un rebote ofensivo con asistencia de Melia para Sánchez-Ramos, que completou o acerto co libre engadido, puxo ás galegas a dous puntos.
Melia, coas súas catro faltas, continuou facendo dano ao Leganés e igualou con dous libres. Dodson puido gañar outro duelo a Daniels en ataque, pero Melia botou por persoais a Sangaré e igualou con outros dous tiros libres. Noutro posteo devolveu a vantaxe ás galegas antes que Dodson, que atopou baixo o aro a pelota da tripla mal lanzada por Lahuerta, empatou a 41 segundos (71-71).
Lahuerta, malia os nervios, adiantou ao Leganés cun tiro libre. Logo, Šotolová entrou para o medio minuto final. Melia, decisiva na remontada, cometeu tres segundos na zona a 12 segundos. Fort pediu tempo acariñando a clasificación para a Copa. Baxi Ferrol necesitaba o milagre que non chegou.
Dudášová anotou dous tiros libres e Lino López pediu o segundo tempo morto. Melia anotou baixo o aro e houbo falta rápida de Daniels a Driessen, que anotou os dous tiros libres.
Faltaban cinco segundos para tentar unha tripla que forzara a prórroga, pero Daniels e Šotolová erraron no saque de fondo. Lahuerta selou a clasificación con dous tiros libres. Melia, cunha valoración de 29, foi a mellor do partido por riba de Sangaré (19) e Dodson (15).
Por segundo ano consecutivo, o Baxi Ferrol non estará na Copa de España. Caeu nun lugar de boa lembranza, no que en abril do 2021 certificara o seu regreso á máxima categoría.

Ficha

MÉRCORES 07/01/2026 (20,00) Pavillón: EUROPA (400)
LEGANÉS : 78 – BAXI FERROL : 73 (20-20) (40-40) (60-56)

LEG : Lahuerta (9), Driessen (18), Dudášová (9), Sangaré (13), Dodson (14) – cinco inicial – Bermejo (3), Espín (0), Togores (0), Soriano (0), Herlihy (9), Andělová (3). Tre. Javi Fort. Non xogaron: Gil.
BAX :Erjavec (4), Joiner (4), Blanca Millan (10), Daniels (8), Melia (19) – cinco inicial – Sánchez-Ramos (5), Samson (2), Šotolová (8), Rodríguez (8), Joris (5). Tre. Lino López. Non xogaron: Silvia Millán.
Árbitros: García León (Castela-A Mancha). Morales García-Alcaide (Madrid), García Parejo (Estremadura).
Eliminadas
: Sangaré (69-67) 38’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios