CCOO Lugo sinala ao BNG pola «incapacidade» de garantir unhas condicións dignas na escola Gregorio Sanz

As goteiras volveron á Escola Infantil Gregorio Sanz. Volveron porque nunca se foron. Porque o BNG decidiu substituír a xestión responsable por unha cadea interminable de parches chapuceiros que non resolven absolutamente nada. O tellado foi “arranxado” varias veces, pero sempre coa mesma receita fracasada: aglomerado, tea asfáltica e propaganda. O resultado é o previsible nun país onde chove todo o ano: filtracións constantes e un edificio que segue deteriorándose diante da pasividade do goberno municipal.

Esta situación non é accidental nin inevitable. É consecuencia directa dunha mala xestión política, dunha absoluta falta de planificación e dunha negativa sistemática a investir en solucións definitivas. O BNG sabe que os arranxos provisionais non funcionan, pero persiste neles porque prefire aparentar que actuar de verdade.

Estamos a falar dunha escola infantil. Dun centro con menores de curta idade no seu interior. E, malia iso, o BNG acepta con total normalidade que existan riscos estruturais, filtracións de auga e condicións indignas tanto para as nenas e nenos como para o persoal traballador. Esta deixación de funcións é inaceptable e irresponsable.

Pero a incompetencia non remata no tellado. O sistema de climatización prometido segue sen instalarse. No verán, as aulas convértense en fornos con temperaturas que superan os 30 graos. No inverno, a calefacción falla de maneira reiterada. O BNG é perfectamente consciente desta situación e, aínda así, non fai nada. Non porque non poida, senón porque non quere.

O cinismo alcanza niveis escandalosos cando se comproba que existe un equipamento de climatización xa presupostado, cun custo aproximado de 20.000 euros. Unha cantidade ridícula para unha administración local. Mentres tanto, aproban sen rubor horas extraordinarias con levantamento de reparo que superan os 30.000 euros nalgúns meses. Hai cartos para gobernar á marxe dos controis legais, para aprobar gastos irregulares e para saltarse procedementos, pero non para garantir unhas condicións térmicas mínimas nunha escola infantil.

Desde CCOO Lugo denunciamos tamén a hipocrisía política do BNG. Cando as competencias son doutras administracións, son os primeiros en berrar, en sinalar culpables e en facer ruído mediático. Pero cando a competencia é súa, cando teñen que gobernar e dar respostas, impoñen o silencio, esconden os problemas e limitan a súa acción a parches inútiles.

As competencias non se usan só para facer discursos. Exércense. E o BNG está demostrando que non está á altura da responsabilidade que asumiu.

Desde CCOO Lugo esiximos solucións inmediatas e definitivas ás goteiras e á climatización da Escola Infantil Gregorio Sanz. Non máis parches. Non máis escusas. Non máis propaganda mentres se pon en risco a seguridade e a saúde de menores e traballadores.

Porque cando hai infancia de por medio, a incompetencia política tamén é unha forma de irresponsabilidade grave.

E porque gobernar non é sacar pancartas: é facerse cargo dos problemas que un mesmo crea.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios