Manolo García xa sabe o rival da Irmandiña afeccionada que pode permitirlle ao combinado galaico estar por terceira edición consecutiva na fase final do torneo español da Copa das Rexións UEFA. Será Asturias, un vello coñecido e, ademais, a selección contra a que máis veces se enfrontou. Galegos e asturianos celebrarán o seu sexto encontro dunha historia, que até agora deixa un balanzo favorable aos nosos con dúas vitorias, dous empates, malia que un soubo a derrota, e unha perda.
A clasificación para a fase intermedia
Galiza e Asturias chegan á fase intermedia dun xeito desigual. A Irmandiña faino grazas ao bo traballo nos despachos, logo de detectar unha aliñación indebida de Andalucía no partido da estrea da albo e celeste en Becerril do Campo. O 2-0 dos andaluces clasificábaos directamente, pero a boca do defensa Ángel perdeunos en todos os sentidos. Galiza, que empatou no segundo encontro ante o anfitrión da fase, Castela e León, consumou o liderado logo que o Xuíz de Competición dera a razón á reclamación da Federación Galega.
Asturias, pola contra, pasou como unha das tres mellores segundas de entre os cinco grupos. Os seus partidos contra Cantabria e Murcia deixaron ver un equipo con capacidade goleadora, pero tamén con defensa fráxil. Derrotou aos murcianos por 3-2 e igualou contra os seus veciños do leste a dous tantos. A única dúbida que deixaron os astures sobre o seu potencial é que libraron o enfrontamento contra a anfitrioa do grupo I, Navarra, que arrasou a cántabros e murcianos con resultados incontestables como 4-0 e 3-0 respectivamente.
Nunca en Galiza
Será a primeira vez que ambas seleccións xoguen en solo galaico. Nas dúas primeiras os partidos foron en Madrid. No 2004, o partido rematou en empate e os asturianos entraron na final da fase española do torneo ao superar aos galegos desde os once metros.
Oito anos máis tarde, Galiza non puido vingarse e caeu por 1-3 na fase de grupos organizada por Madrid. Tampouco puido logralo na seguinte edición, a de 2014, porque non pasou doutro empate na xornada inaugural do grupo A disputada en Ceuta.
A Irmandiña saíu do túnel no día da Inmaculada do ano 2017. No Berrón, a albo e celeste logrou o triunfo máis folgado cun 0-3 no partido que tamén inauguraba o grupo A. Cinco minutos brutais, entre o 31 e o 35, cun dobrete de Javi Pazos e outro acerto de Rodri Alonso, facilitaron a clasificación nun grupo moi igualado, no que ambos contendentes e Cantabria sumaron tres puntos. Esa diferenza de goles deu o pase aos galegos para a fase intermedia.
O último encontro foi como agora, na fase intermedia da pasada edición. Galiza gañou cunha diana do experimentado Félix, entón no Alondras, poñendo á Irmandiña en números positivos no histórico contra a asturiana.
O Galiza-Asturias, que por primeira vez vai celebrarse no noso territorio, terá lugar o día 28 ou 29 deste primeiro mes do 2026 nun campo a determinar pola federación galega. O gañador clasificarase para a fase final. Se quen o fai é a Irmandiña, será a terceira vez consecutiva na que o logre e quinta da historia, pois tamén o fixo na temporada 2003/04, ademais da gloriosa 2009/10, na que gañou o título en Portonovo.
As outras eliminatorias
Cataluña, que pelexará contra Aragón, actual campioa e última selección que derrotou a Galiza precisamente na pasada final, foi a primeira eliminatoria saída das cuncas. A terceira chave deixou o terceiro choque de proximidade, que poñerá en loita a Navarra e ao País Vasco. A cuarta deixou marcado un Canarias-A Rioxa. Os gañadores estarán na fase final española. As eliminatorias só teñen un partido para cada unha, que se celebrará en Cataluña, Navarra e as Illas. Se os partidos rematan empatados lanzaranse quendas de penaltis. Curiosamente, as dúas da Irmandiña nesta edición deixaron derrotas ante Andalucía e Castela e León. Haberá que afinar máis por se acaso.
Media centena de partidos
O Galiza-Asturias será o partido número 50 na historia dos galegos. Todos menos un foron oficiais. A andaina comezou o 18 de maio do 2000. Canarias e Galiza igualaron a un gol en Ceutí. O 25 abriu a peor campaña na historia da Irmandiña. En Almendrlexo, Galiza perdeu contra Valencia por 3-0. A levantina é unha das nove seleccións ás que a galega nunca conseguiu gañar e a que máis derrotas nos inflixiu, tres en catro choques.
O último precedente galaico-astur.
PARTIDO NÚM. 45 / 5. XIII COPA DAS REXIÓNS U.E.F.A. (ESPAÑA).
MÉRCORES 31/01/2024 (17,00) Campo: NUEVO NALÓN (San Martiño do Rei Aurelio-Asturias) (400)
ASTURIAS : 0 – GALIZA : 1 (0‑1)
AST : Junquera; Bellón (Óscar 87’), Álex Muñíz, Liam, Mikel; Blin (Enol San Sebastián 68’), Mateo (Nistal 68’), René (Damián 87’), Meana, Montequín (Sergio D); Monasterio. Sel. Clemente Sánchez. (Banco: Enol Ordóñez (g); Guille).
GAL : Javi; Jesús, Carabán, Martín, Cotilla; Santi de Prado (Juanín 61’), Kopa (Dani Carnota 82’), Félix (Fabio 82’), Álex Melide (Diego 61’), Goitia; Otero. Sel. Iván Cancela. (Banco: Ramón (g); Antonio; Manu).
Goles: 0-1 Félix 37’.
Árbitro: González González (Asturias). Auxiliares: Sánchez Fernández e Bakkali Zaidi. 4º árb.: Fernández Ceferino.
Disciplina: CA: Kopa 67’; Fabio 85’.
NOTAS: O partido, previsto inicialmente para as 16,30, atrasouse 30 minutos por mor dun accidente de tránsito producido horas antes no Corredor do Nalón, que dificultou a chegada das seleccións ao recinto na hora prevista.