O filial do Obradoiro visita Betanzos o domingo.
Acabou o parón das festas de Nadal na Tercera FEB (antiga liga EBA) e axenda do Ineltrón Santo Domingo Betanzos contempla dúas xornadas consecutivas na casa que se antollan decisivas para o equipo de José Amando Pena “Soviético”. O primeiro envite, que terá lugar o vindeiro domingo en horario habitual (17h), supón a visita dun Obradoiro Ames que vén de gañar a Estudiantes Lugo e que intenta recuperarse dunha mala primeira metade de liga e saír dos postos de descenso. O equipo filial, formado na súa integridade por xente nova, conta nas súas filas con anotadores da talle de Diego Serguei Maseda, Álvaro Soneira ou Yago Rey, e, pese ao seu posto na clasificación, non vai ser un rival nada doado para un equipo local marcado polas baixas.
Así valora o encontro o adestrador betanceiro: “O partido do domingo contra Obradoiro Ames é moi importante para os dous equipos. Xogamos moito. Aínda que o rival vai abaixo na clasificación, o posto que ocupa non ten nada que ver co seu nivel de xogo, xa que perdeu varios partidos na prórroga. Trátase dun equipo moi intenso tanto en defensa como en ataque e as nosas bazas van estar en intentar impoñer o noso ritmo de xogo en ataque e o sacrficio en defensa fronte aos seus penetradores. Creo que dependemos máis de nós mesmos ca do que faga o rival”.
Concentración Baby en Betanzos e cruces de cuartos para os cadetes
No que toca ás citas do resto do club nesta primeira xornada do ano destaca a concentración de baby basket que terá lugar a mañá do sábado no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo” e os partidos de cuartos de final da liga de inverno dos equipos cadete masculino. O Grelo (segundo ano) medirase ao Xiria de Carballo e o J. Caamaño Arquitecto (primeiro ano) fará o propio fronte ao Traumacor Culleredo B na tarde do sábado (16h e 18h respectivamente). Outros encontros da xornada son o do sénior feminino en Sarria contra o equipo local, o do sénior de Terceira en Rábade, o de La Goleta na Coruña fronte a Kempape e o das cadetes de Decornaveira contra Santa María do Mar ao remate do partido do primeiro equipo.