Volver aos campos non implica necesariamente pisar un deles, porque ás veces abonda con xuntar pezas dun pasado común para sentirse de novo sobre o céspede, pero mudando os vestiarios por unha mesa no imponente Gonzaba santiagués, onde facendo as honras coma se do primeiro adestrador do equipo se tratase, Fredi exerce de mestre de cerimonias coa naturalidade de quen está acostumado a recibir xente importante local que rexenta.
Todos vestiron de celeste compostelán nos últimos anos do século XX, coincidindo cunha xeración que mantén o vínculo daquel tempo, nomes imborrables do fútbol galego que manteñen vivo o fulgor que outrora desprenderon, e que veñen á memoria de todos os afeccionados con só nomealos. Non só eles, tamén as xestas que nos fixeron vivir e que agora lembramos con nostálxico orgullo. Mauro García, defensa que despois dun lustro en San Lázaro poñía rumbo ao Raio Vallecano. Pablo Coira, toda unha vida itinerante desde os seus inicios no Arousa, con ficha no Celta, Alavés, Espanyol e mesmo no Budapest Honvad húngaro. Juan Cabrejo -quizais xa se adiviña na foto- alma máter de calquera xuntanza. Único na súa especie e de gama azul polos catro costados, non se entendería o noso fútbol sen el, agora poñendo toda a súa sabedoría na Escola que dirixe e leva o seu nome, como se observa na bufanda ca que todos posan. O pamplonica Lekumberri, seis anos no Compos que deixaba para volver ao seu terruño, a un Osasuna do que máis tarde voiaría cara o Levante. Pura historia de almas que se tinguiron de celeste unha vez e que nunca, pese a vestir outras cores, deixaron de ser do Compostela.