O 86-63 final fala claro dos méritos de ambos os dous contricantes
Había certa intranquilidade no Ineltrón Santo Domingo Betanzos, motivada tanto polas dúas derrotas consecutivas como polas importantes baixas ( Luis, Randolph e Dani Martín) pero os xogadores de José Amando Pena “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” souberon sacar adiante con solvencia un partido que contou cos reforzos de Will Pereiro e Kike López Sanjurjo, xogadores do equipo de Terceira Autonómica, e que co 86-63 final sitúa o conxunto betanceiro no sétimo posto da clasificación. A superioridade física e a mocidade do Obradoiro prometía un partido difícil (o 1Q rematou cun 18-22 para os visitantes) pero aos poucos o empuxe dos locais, aos que se volvía reincorporar Miguel Latas tras a súa lesión (19 puntos, 8 rebotes e 19 de valoración), conseguiu que chegase o descanso con vantaxe betanceira (44-40). Contra o que adoita pasar o terceiro período caeu de cara (21-11) e, a partir de aí, o Obradoiro, un conxunto con tanto potencial como con pouca fortaleza mental, baixo os brazos. O seu 4/27 en triplas e o seu 13/25 en tiros libres fala ao cumprido de como os visitantes acabaron un partido que, de non ser porque os betanceiros levantaron o pé do acelerador, ben podería rematar cunha vantaxe superior aos trinta puntos.
Excepcional partido de Abelleira (28 puntos, 9 rebotes e 35 de valoración, cun 50% en triplas), meritorio regreso ás pistas de Latas, tal e como se apuntou, e moi boas noticias cun Mori que sumou 15 puntos, o que supón a súa máxima anotación na categoría. Aportaron tamén Rozas e Nico Lagares (7 puntos e 3 rebotes cada un), aproveitaron os seus minutos Arón Espiñeira (3 puntos e 5 rebotes) e Xavi Folch (3 puntos) e grandes minutos defensivos e de intanxibles dun Will Pereiro (4 puntos, 5 asistencias) no reencontro cunha categoría que coñece como a palma da man.
Así valoraba o encontro o adestrador betanceiro: “A priori era un partido igualado e así foi durante os dous primeiros cuartos, nos que, a pesar do noso esforzo defensivo e no rebote, eles conseguiron manterse no partido. Porén, logo do descanso, conseguimos que non soubesen atacar en ningún momento a nosa defensa 2-1-2”. Pola súa parte, o capitán Jorge Abelleira, vía así o partido: “Pensabamos que ía ser un partido máis complicado, sobre todo polas importantes baixas que tiñamos, pero os que non son tan habituais lograron dar un paso adiante e o resto démolo todo. Era un partido duro, pero soubémolo sacar adiante”.