O Deportivo chegou até os oitavos de final da Copa logo de caer pola mínima ante o At. Madrid. Os locais, que foron dominadores da pelota durante parte do xogo, case non puideron crear ocasións a un rival que é capaz de converter a festa do fútbol nun exercicio de tristeza. Os de Simeone foron incapaces de mostrar a diferenza imaxinable entre un equipo de Champions e outro de Segunda. Unha falta polémica, na que o árbitro se retractou da lei da vantaxe, deu o pase aos atléticos grazas ao maxistral golpeo de Griezmann. O máis salientable do cadro madrileño foi o pragmatismo defensivo e a carencia de ideas nas saídas á contra.
O Deportivo compite tendo os paus como aliados
O Deportivo entrou ao partido soportando as subidas do At. Madrid pola banda dereita. Un centro de Llorente, sen consecuencias, foi seguido por outro de Griezmann á cabeza de Julián Álvarez, que picou frouxo e Germán chapou antes da liña de gol.
A partir do décimo minuto a presión visitante deixou de ser intensa e o Deportivo puido mover a pelota na parcela rival, máis do que saír á contra. Incluso forzou o seu primeiro saque de esquina, fechado, no que a zaga afastou a pelota lonxe.
O At. Madrid puido anotar aos catorce minutos. Ruggeri, moi adiantado, recibiu sen oposición pola esquerda da área para cruzar un disparo a media altura. A bola bateu no pau.
O Deportivo conseguiu organizarse mellor para que non acontecera nada durante moitos minutos. Superada a media hora, estivo a piques de adiantarse nun centro de Mella que Eddahchouri, na frontal da área pequena, cabeceou a gol. A rápida reacción de Musso mantivo o empate.
Antonio Hidalgo decidira xogar combinando desde atrás, o que provocou algún sobresalto entre o público. En calquera caso, o maior provocouno Griezmann, que aos 40 minutos, desde fóra da área, mandou o coito á trabe. Pouco despois repetiu sorte Llorente, pero coa mira máis alta.
Só unha falta de Griezmann
O segundo tempo, sen modificacións nos onces, comezou con ocasión do Deportivo. Ao minuto e medio, Quagliata subiu a banda nun ataque colectivo dos locais e puxo o balón no punto de penalti. Eddahchouri, presionado, tivo problemas para o control, pero puido xutar. O coiro rozou en Hancko e Musso chapou no chan.
Os técnicos fixeron as primeiras substitucións e catro minutos despois, nunha acción polémica, De Burgos Bengoechea deu a vantaxe a Sørloth logo dunha falta recibida na frontal. O vasco retractouse logo que o disparo do atacante fora rexeitado por un defensa. Griezmann foi o encargado de lanzar, picou o coiro por riba da barreira e sorprendeu a Germán, que reaccionou moi tarde ao golpe franco.
O partido adormeceuse, pero o Deportivo puido empatar nun córner lanzado por Luismi. Noubi cabeceouno alto. O cadro galego, malia comezar a ter a posesión, non era capaz de crear ocasións fronte ao especulativo At. Madrid.
Con ausencia de tensión nas áreas, Altimira tentouno desde fóra. A pelota pasou por riba da trabe de meta de Musso.
O partido chegou ao prolongamento. No terceiro dos sete minutos, co Deportivo envorcado, Germán rexeitou un man a man con Barrios, que preferiu a habilidade antes que a forza cando Almada o deixara en inmellorable situación.
O Deportivo deixa a Copa. Correu alén do esperado eliminando a un Primeira e sendo afastado por un Champions. Agora deberá centrarse na Liga e pelexar polo ascenso, que é a meta marcada para a temporada.
Ficha
MARTES 13/01/2026 (21,00) Campo: RIAZOR (28.577)
R,C.D. LA CORUÑA : 0 – C. AT. MADRID : 1 (0-0)
CRÑ : Germán; Altimira, Noubi, Barcia, Quagliata; Mella (Luismi 56’), José Ángel, Patiño (Nsongo 83’), Cristian Herrera (Mulattieri 56’); Soriano (Peke 65’), Eddahchouri (Noé 65’). Tre. Antonio Hidalgo. (Banco: Eric Puerto (g); Loureiro; Comas; Escudero; Rubén; Gragera).
ATL : Musso; Molina (Almada 56’), Pubill, Hancko, Ruggeri; Simeone (Giménez 83’), Llorente, Cardoso, Álex Baena (Barrios 56’); Julián Álvarez (Sørloth 56’), Griezmann. Tre. Diego Simeone. (Banco: Oblak (g); Esquivel (g); Le Normand; Dani Martínez; Rayane; Javi Serrano).
Goles: 0-1 Griezmann 60’.
Árbitro: De Burgos Bengoechea (País Vasco). Auxiliares: De Francisco Grijalba e Pérez de Mendiola González de Durana. 4º árb.: López Jiménez.
VAR: González Francés. AVAR: Alberola Rojas.
Disciplina: Non houbo.