As entradas para a cita sairán á venda este venres 16, ás 12:00h, a través da plataforma www.ataquilla.com
O Multiusos Fontes do Sar acollerá o 28 de marzo a grande inauguración do Rapants Club, a estrea en directo do novo álbum da banda muradá The Rapants. As entradas para a concerto, no que se poderán escoitar por primeira vez ao vivo os temas do cuarto LP do grupo, poranse á venda este venres 16 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, a través da plataforma en liña www.ataquilla.com.
Os muradáns escolleron a súa cidade de adopción, Santiago de Compostela, para dar a coñecer este novo traballo, un álbum cunha sonoridade moi especial que dá conta da evolución do grupo á vez que mantén a esencia e identidade rapante. Con Rapants Club, que verá a luz tamén no mes de marzo, The Rapants atrévese a experimentar. O cuarteto abre a porta a diferentes estilos musicais e con letras máis escuras; mais segue a por en valor o baile, as guitarras frenéticas, as sentenzas románticas e os retrousos memorables, todos eles aderezados coa naturalidade e a honestidade que caracteriza ao grupo.
The Rapants abre así no gran recinto indoor compostelán unha nova etapa na que explorará, sen medo, novos escenarios e retos no seu directo, logo de sumar dous anos de grandes éxitos e concertos multitudinarios desde aquel dobre ‘sold out’ que acadou en cuestión de minutos pola estrea de La máquina del buen rollo (Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego 2024) na Sala Capitol.
Despedida de La máquina del buen rollo
Precisamente o vindeiro 28 de febreiro, un mes antes da presentación de Rapants Club, os rapantes pecharán a xira de La máquina del buen rollo en Bruxelas, no marco dun evento moi querido pola banda e que deu pé ao nacemento do seu tema Rue Franklin: o Festival Emigrason. Antes da cita europea, os muradáns actuarán en Zaragoza (6 de febreiro) e Bilbao (7 de febreiro) como parte da programación dos festivais Inverfest e Negufest, respectivamente. Tres datas fóra de Galicia antes do seu regreso a Compostela, por todo o alto, o 28 de marzo.
PRESENTACIÓN RAPANTS CLUB
28 de marzo de 2026
Multiusos Fontes do Sar (Santiago de Compostela) Apertura de portas: 19:00 horas
Entradas á venda o 16 de xaneiro ás 12:00 horas en Ataquilla.com