“Sen flexibilidade non hai futuro para un sector esencial para o noso país” afirma Carme da Silva.
A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado adopte medidas urxentes para flexibilizar a aplicación do Regulamento europeo de Control da pesca e adaptalo á realidade da frota artesanal galega, un sector que considera especialmente prexudicado por unha normativa que cualifica de “hiperreguladora” e “excesivamente sancionadora”.
A senadora do BNG, Carme da Silva, lembra que este Regulamento, aprobado pola Eurocámara en outubro de 2023, “foi fortemente cuestionado polo sector pesqueiro galego, especialmente pola frota de pesca artesanal”, provocando mobilizacións e mesmo iniciativas aprobadas no Parlamento galego a proposta do BNG. Porén, critica que “non se tivo en conta a súa singularidade á hora de aplicar un regulamento que peca de hiperregulación nun contexto no que xa rexe unha estrita regulación”.
Carme da Silva recorda que a frota artesanal é “un tipo de pesca moi respectuosa co medio ambiente, afincada nas poboacións costeiras onde contribúe á dinamización económica, á fixación de poboación e á xeración de emprego”, polo que resulta inxustificábel que se lle apliquen obrigas pensadas para grandes frotas industriais.
O Bloque Nacionalista Galego, neste sentido, denuncia que o Regulamento incrementa de maneira desproporcionada a burocracia e os custos económicos, especialmente polas esixencias de dixitalización como o diario electrónico, “que fan máis traballosa a actividade pesqueira habitual e complican seriamente o día a día da frota de baixura”. Neste sentido, alerta de que hai embarcacións obrigadas a facer “en torno a oito declaracións ao día se non queren enfrontarse a sancións de máis de 3.000 euros”.
Ante esta situación, Carme da Silva solicita ao Ministerio desbotar a aplicación automática de medidas como a instalación de cámaras a bordo, a xeneralización do diario electrónico ou os dispositivos de control da potencia dos motores, ao considerar que “a potencia dos motores non incrementa a capacidade de pesca, que xa está suxeita a TACs e cotas na inmensa maioría das pesqueiras”.
A formación nacionalista tamén exixe revisar o réxime de infraccións e sancións, xa que o sector considera “excesivas as infraccións catalogadas como graves” e está a xerar unha enorme preocupación entre os profesionais do mar.
En relación coa entrada en vigor da notificación previa de entrada en porto para barcos de 12 ou máis metros, o BNG reclama que se elimine a “rixidez horaria que nada tenque ver coa actividade pesqueira artesanal”, xa que se trata dunha pesca “pegada á costa, con mareas breves e co arte calado ata fases moi próximas ao amarre”.
Por outra banda, a organización nacionalista proponlle estabelecer “un sistema simplificado para as capturas de pouco volume”, tendo en conta que “moitas das embarcacións de baixura carecen de sistema de pesaxe e dos medios precisos para pesar pequenas cantidades”, tal e como obriga actualmente o Regulamento.
Finalmente, o BNG insta ao Goberno do Estado a abrir un diálogo real coa frota artesanal galega e a facer uso da marxe que permite a normativa europea para adaptala á “realidade”, frente a unha aplicación ríxida que, lonxe de simplificar, “complica e dificulta a actividade habitual na pesca de proximidade”.