Acusan ao PP e ao PSOE de «cinismo cómplice» e esixen que os eurodiputados galegos dos dous partidos voten en contra do tratado no Parlamento Europeo. «Dannos a razón en Lugo e véndennos en Bruxelas», denuncian· As protestas en Lugo recrudécense coa chegada de máis tractores desde puntos de toda a provincia para rodear por completo a Muralla |
Este xoves representantes das organizacións convocantes das protestas en Lugo contra o tratado entre a UE e Mercosur, as asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, reuniránse coa nova presidenta da Deputación de Lugo, a socialista Carmela López, ás 11 da mañá, e coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, á 1 da tarde, para pedirlles que abandonen o «cinismo cómplice», «dándonos a razón aquí e vendéndonos en Bruxelas», din.
«Os mesmos partidos que nos din en Lugo que nos apoian son os que puxeron a Úrsula Von der Leyen, os que se reparten os postos na Comisión Europea e os que queren asinar o vindeiro sábado o acordo con Mercosur en Paraguai», denuncian Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, e Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.
«Se de verdade lles preocupa o rural galego e queren parar a importación de produtos baratos e de inferior calidade teñen que rexeitar frontalmente este acordo», reiteran.
Voto en contra no Parlamento Europeo
Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema esixen aos eurodiputados galegos do PP e do PSOE que voten en contra do tratado con Mercosur no Parlamento Europeo.
«Hai catro eurodiputados galegos no Parlamento europeo: Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez polo PP, Nicolás González Casares polo PSOE e
Ana Miranda polo BNG. O tratado comercial con Mercosur ten que ser ratificado ou rexeitado no Parlamento europeo. Esiximos aos eurodiputados galegos que voten en contra», piden.
Á nova presidenta da Deputación de Lugo, a socialista Carmela López, pedíranlle tamén que fale co Ministro de Agricultura, Luis Planas, e co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, membros do seu mesmo partido, para que se opoñan ao acordo, en defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros españois, igual que fixeron os dirixentes de países como Francia, Austria, Polonia e Hungría.
As cláusulas espello, papel mollado
Os representantes das asociacións de produtores de leite e de carne aseguran que o acordo entre a UE e os países do Mercosur facilitará a entrada de produtos de inferior calidade e que non cumpren coas esixencias sanitarias, medioambientais e de benestar animal que teñen que cumprir os produtores europeos, sen que os controis en orixe e en fronteira vaian ser efectivos.
«Unha vez máis, tratan de enganarnos. Os países do Mercosur non recoñecen as garantías de salvagarda anunciadas polos políticos de Bruxelas coas que pretenden acalar as protestas que se están a suceder por toda Europa. As cláusulas espello son un cuento chino, porque se non se aplican aos produtos que veñen de Marrocos,m por que teriamos que pensar que a UE as vai aplicar aos que van vir de Suramérica?», argumentan.
As protestas recrudécense en Lugo
Nos últimos días, Lugo converteuse xa nun dos epicentros da protesta galega contra o tratado comercial entre a UE e Mercosur. Desde o pasado luns, cando agricultores e gandeiros se manifestaron diante da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno, os tractores permanecen na cidade, non deixando de chegar nos últimos días máis tractores desde distintos puntos da provincia para rodear por completo a Muralla.
A protesta ten carácter indefinido e os produtores anuncian un incremento das accións a medida que se achega o sábado, a data prevista para a sinatura formal do acordo en Asunción (Paraguai) entre as autoridades comunitarias e as de Brasil, Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia.