Enganches ilegais da casa ocupada de Cabral deixan sen luz ao barrio de Fontiñas: “Coa escuridade aínda nos sentimos máis inseguros”

Os ocupantes dunha vivenda engancháronse primeiro ás casas particulares e agora directamente aos postes da luz, provocando cortes e inseguridade nunha zona xa moi tensionada.

A situación no barrio de Fontiñas, na parroquia viguesa de Cabral, deu un novo paso na súa deterioración coa perda do alumeado público debido aos enganches ilegais á rede eléctrica realizados polos ocupantes dunha vivenda no número 8 da rúa Fontiñas de Arriba. Segundo denuncian os veciños e veciñas, estas conexións fraudulentas aos postes da luz deixaron varias rúas sen iluminación nocturna, incrementando a sensación de medo e inseguridade nun contexto xa marcado pola violencia e os conflitos constantes.

Tal e como recollen no escrito asinado por preto de 60 residentes e remitido no verán ao Concello de Vigo, á Policía Nacional e ao xulgado, os problemas coa electricidade foron un dos primeiros focos de conflito no barrio. Nunha primeira fase, os ocupantes “pincháronse directamente á luz das casas lindeiras”, chegando a romper en varias ocasións os contadores e a manipular instalacións privadas, con risco evidente para as persoas e os bens.

Ante a falta de actuación das autoridades e da empresa subministradora, os enganches trasladáronse ao alumeado público. Actualmente, segundo denuncian os afectados, a vivenda ocupada obtén electricidade directamente dos postes da rúa, o que provocou avarías e deixou sen luz pública a parte do barrio. “Non só están roubando un servizo público, é que agora vivimos completamente ás escuras pola rúa e aínda nos sentimos máis inseguros”, explican os veciños, que alertan do perigo que isto supón para a circulación, o acceso ás vivendas e a seguridade persoal, especialmente de persoas maiores e menores.

A ausencia de iluminación agrava unha situación xa cualificada polos residentes como “insostible”. Sen luz nas rúas, aumentan o medo a sufrir roubos, agresións ou actos vandálicos, nunha zona onde xa se teñen producido pinchazos de rodas, danos en vehículos e pelexas de madrugada. “Co barrio ás escuras, a sensación de impunidade é total”, lamentan.

Os veciños subliñan que o problema do alumeado non é un feito illado, senón unha consecuencia directa da ocupación ilegal da vivenda e da falta de resposta institucional. Denuncian que levan meses advertindo dos riscos dos enganches eléctricos, tanto polos posibles incendios como polo perigo para a integridade das persoas, sen que se tomasen medidas efectivas.

“Non estamos a falar só de molestias, senón dun problema grave de seguridade pública”, insisten. Por iso, reclaman unha intervención urxente do Concello de Vigo para restablecer o alumeado público, cortar definitivamente os enganches ilegais e coordinar actuacións coa Policía Nacional e o xulgado que permitan devolver a normalidade ao barrio de Fontiñas. “Non é normal que en 2025 haxa veciños vivindo sen luz na rúa porque ninguén fai nada”, conclúen.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios