O Bergantiños ficha a Asier Grande

O Bergantiños, mergullado na loita por entrar na fase de ascenso a Primeira Federación, oficializou a contratación de Asier Grande.
Logo da marcha de Lachèvre, os pupilos de Simón Lamas debían conseguir un lateral dereito e atopárono no bilbaíno, que entre outros clubs de formación estivo en canteiras de prestixio como a do Athletic e a do Villarreal.
Ten 23 anos e ficha no cadro carballés procedente do La Unión.
Logo da súa etapa xuvenil pasou por Basconia (2020/21), Arenas de Guecho (2021/22), Sestao River (2022/23), antes de deixar a ría de Bilbao para pasar dúas campañas no Numancia de Soria (2023/25) e no La Unión, onde estivo na primeira metade da presente campaña.
A afección vermella pode recordalo por ser o xogador que substituíu a Elosegi antes do remate do primeiro tempo, cando o Numancia empatou nas Eiroas na pasada temporada.
No La Unión, que está quinto no grupo cuarto de Segunda Federación, xogou 588 minutos. O próximo cartón amarelo que reciba vai obrigalo a folgar unha semana por acumulación de amoestacións.
Asier Grande, que fora titular nos cinco primeiros partidos de liga desta temporada, nos que xogou todos os minutos, chega a Carballo para recuperar esas sensacións e axudar ao equipo a manter o nivel de xogo que o situou na zona nobre da táboa.

Foto: Asier Grande. © Bergantiños F.C.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios