Nova cita na casa do Ineltrón Santo Domingo Betanzos

Os betanceiros reciben ao Solgaleo Bosco de Ourense.

Segundo partido do ano para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos e segunda cita na casa para os betanceiros. O rival, o Solgaleo Bosco Salesianos, de Ourense, ocupa a derradeira posición da liga empatado a puntos co Obradoiro, aínda que a igualdade predominante na competición o converte nun perigoso rival ao levar, tan só, tres vitorias menos ca o equipo local. De pouco vale botar unha ollada atrás cara ao encontro do partido da primeira volta, onde o Ineltrón gañou por 64-89, pois os reforzos, entre eles o do senegalés Mouhamadou Traore (30 puntos en 2 partidos) e a melloría no xogo (os ourensáns veñen de gañar a Estudiantes Lugo a domicilio por 66-90) fan do Bosco un equipo ben perigoso para os intereses do conxunto de José Amando Pena Soviético, que volve estar condicionado polas baixas. Así valora a cita o adestrador do conxunto local: “O partido do domingo preséntase igualado. O Bosco está facendo bos partidos e vén de gañar o Estudiantes Lugo con facilidade. Nós estamos adestrando con moita intensidade e coa esperanza de recuperar a Dani Martín e coas baixas confirmadas de Luis e Randolph. Se somos capaces de defender a Harris, Traore e Guerra, teremos oportunidades de vitoria”.

O partido terá lugar no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo” o domingo ás 17h e será retransmitido por tiivii.gal. Unha vitoria situaría os betanceiros cun tranquilizador 7-7.

Finais a 4 para os equipos cadete masculino e partido polo 3o posto para as infantís

O prato forte da completa xornada de canteira do 17-18 de xaneiro vai estar, sen dúbida, nos partidos que van disputar o Grelo e o J.Caamaño Arquitecto, os dous equipos cadete masculino, contra Cambre e Basquet Coruña. Os encontros, a celebrar en Betanzos (sábado 10h) e na Coruña (sábado 16h no Ventorrillo) supoñen as semifinais da fase de inverno (previa á fase de ascenso) e terán continuidade na xornada do domingo coa celebración da final e do terceiro e cuarto posto. Outros partidos interesantes son o dobre enfrontamento júnior (feminino e masculino) contra Baxi Ferrol, a saída das cadetes feminino de Decornaveira a Maristas, a visita a Cee dos infantís de Cyrdega e o partido polo terceiro e cuarto posto da liga que vai medir as infantís de Warnier contra Compañía de María. Volve a competición para a totalidade dos equipos de canastra pequena (incluído o premini) e, polo que toca aos sénior, o feminino visita Montrove o sábado, La Goleta a pista de Calasanz e o outro equipo masculino, a cancha do Arteixo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios