O 95-84 final non fai xustiza a un igualado partido en Mieres
O Ineltrón Santo Domingo Betanzos non puido seguir sumando e volve de Asturias coa segunda derrota da temporada. O rival, o Universidade de Oviedo, que comparecía no pavillón universitario de Mieres empatado a vitorias co equipo betanceiro, logrou levar o partido grazas a un fulgurante comezo (24-9 a falta de poucos minutos para rematar o 1Q) que lastrou abondo as posibilidades do equipo galego. Porén, e sobrepoñéndose ao mal inicio de partido, os de José “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” conseguiron marchar ao descanso cun 52-48 que deixaba todo no aire tras un par de minutos nos que os de Betanzos lle deron a volta ao marcador (43-47 tras canastra de Randolph). A partir de aí, os seareiros que se desprezaron a Asturias co equipo, ben ruidosos na bancada, puideron ver un partido de alternancias no que os ovetenses conseguiron diferenzas máximas de 4-6 puntos que os betanceiros lograron neutralizar en varias ocasións. Lamentablemente, a eliminación por faltas de Luis Portilla e Randolph Acevedo (11 e 13 puntos, con 9 rebotes para o primeiro) e unha serie de decisións arbitrais ben protestadas polo público do equipo visitante, sumada a unha tarde pésima no tiro exterior (3/21 en triplas fronte a un 14/42 dos locais) acabou deixando a vitoria do lado duns asturianos que, lonxe de deixar acabar o partido, seguiron sumando para lograr o mellor average posible. Así valoraba o partido o adestrador betanceiro: “Non se puido conseguir a vitoria a pesar de que competimos o partido ata os tres minutos do final. O gran acerto dos ovetenses dende a liña de 3 puntos e o noso pouco acerto dende a mesma distancia, ademais da defensa extenuante que fixeron a todo campo, decantou o resultado cara a eles. O primeiro cuarto comezamos moi fríos o que levou a que case nos dobrasen no marcador. Pero logo no segundo, grazas á boa defensa e ao control do rebote, conseguimos meter boas canastras en accións de contraataque. O terceiro cuarto estivo moi igualado, incluso con vantaxes nosas, pero o último
non soubemos aguantar a presión do rival con defensas ao borde da ilegalidade, que fixeron que os nosos xogadores perdesen un pouco a concentración”.
Xunto aos mencionados Luís e Randolph, bo partido de Abelleira e Arón Gómez (14 e 11 puntos), boa achega de Mori perante a falta de interiores (7 puntos e 9 rebotes) e brillante partido dun Dani Martín (23 puntos e 21 de valoración) que, en canto se encontre coas súas porcentaxes en triplas, pode dar un bo empuxe a este Santo 25/26.
Próximo partido (domingo 9, 17h), Marín Ence Peixegalego en casa.