Néstor Rego reclama a posta en marcha inmediata de plans integrais de rehabilitación, reforma e conservación das estradas de titularidade estatal na Galiza.
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, rexistra novas iniciativas para demandar ao Goberno do Estado información e actuación inmediata ante o aumento da cifra de sinistralidade viaria na Galiza. Néstor Rego sinala que o balance provisional do Ministerio do Interior revela que 96 persoas faleceron en accidentes de tráfico nas estradas galegas, seis máis que o ano anterior.
Esta cifra supón 8,5% do total de vítimas mortais no conxunto do Estado, evidenciando, segundo o deputado do BNG no Congreso, que “as políticas actuais non están a funcionar e que na Galiza seguimos pagando unha factura inasumíbel pola falta de investimento e de planificación en materia de seguranza viaria”.
O deputado nacionalista advirte que os datos confirman que non se conseguiu reducir o número de mortes nas estradas galegas na última década, cunha especial incidencia nas estradas da Coruña, onde se rexistraron 39 falecidos, seguida de Lugo con 26 —cun incremento especialmente alarmante—, Pontevedra con 20 e Ourense con 14.
“É absolutamente preocupante o incremento da sinistralidade en Lugo, que medra moi por riba da media, e que apunta a problemas estruturais das infraestruturas viarias e á falta de medidas preventivas eficaces” sinala Rego.
A iniciativa do BNG tamén pon o foco no aumento histórico dos accidentes provocados por fauna, especialmente en Ourense, onde se rexistraron 1.763 colisións con animais, maioritariamente con xabarís. Segundo Rego, “o Goberno debe analizar con rigor a relación entre este fenómeno e as consecuencias da vaga de lumes do pasado verán, que provocou o desprazamento da fauna cara zonas habitadas e vías de comunicación”.
O deputado nacionalista lembra que as estradas convencionais concentran a maior parte da sinistralidade. A Galiza, destaca Rego, conta cunha das redes viarias máis extensas do Estado, con máis de 17.000 quilómetros, dos cales preto de 15.000 son estradas convencionais. “Moitas destas vías levan décadas sen un mantemento axeitado, sen melloras de trazado, sinalización nin adaptación ás condicións actuais do tráfico” denuncia.
Neste sentido, o BNG reclama ao Goberno do Estado a posta en marcha inmediata de plans integrais de rehabilitación, reforma e conservación das estradas de titularidade estatal na Galiza, así como actuacións específicas para mellorar a seguranza nas vías que atravesan núcleos urbanos e vilas, reforzando a sinalización e adaptando as medidas de protección ás persoas usuarias máis vulnerábeis.
“Se realmente se queren reducir as mortes nas estradas galegas, hai que pasar das estatísticas ás actuacións concretas, con investimento, planificación e compromiso político coa seguranza viaria na Galiza” conclúe Néstor Rego.