Derrota histórica do Deportivo B en Mabegondo (1-6)

O Bizkerre, que está loitando co Deportivo B pola permanencia na Segunda Federación feminina, inflixiu en Mabegondo unha derrota histórica ás herculinas. A mudanza no banco, con Brais Pombo substituíndo a Sandro Nogueira, non axudou a variar un fútbol pouco organizado, que deixa con tres puntos sobre a salvación ás galegas.

Resolución no primeiro tempo

A única historia do partido escribiuna o conxunto guechotarra. Xabi Expósito cheirou sangue e saíu cun once de contidos ofensivos. Marta e Garro actuaban como referentes e a segunda aproveitouno como se fora a ocasión da súa vida para proxectarse.
Atxi, que non vía porta desde a xornada inaugural abriu a goleada aos once minutos. Antes de media hora foi Garro quen comezou a súa festa particular. Logo, a xogadora formada no Athletic, fixo o seu segundo gol ao fío do descanso, que tamén valeu para sentenciar definitivamente o encontro.

Máis problemas defensivos e estrea goleadora de Jenny

O Deportivo B non reaccionou tras as palabras do novo técnico no descanso. Aínda foi peor porque o Bizkerre ampliou a distancia até convertela en escandalosa. Palacios subiu ao ataque para anotar o cuarto das vascas e Garro, pasada a hora, asinou o hat-trick.
A defensa coruñesa facía augas por todos os lados e Miranda sumouse aos goles para finalizar un ataque no minuto 69 e celebrar a súa primeira diana no torneo.
Coas visitantes dándose por satisfeitas coa media ducia, Jenny, que entrara en lugar de Laura Otero para o derradeiro cuarto do choque, fixo o único gol deportivista. A asturiana anotou aínda o seu primeiro gol da temporada. Para ela foi bo xogar o seu partido trece, sete deles coma titular.
Ao final, goleada histórica a recibida polo Deportivo B, a quen nunca lle marcaran máis de catro goles como local. O Éibar B, na primeira volta, repetiu aquel póker que asinara o veciño Victoria o 20/03/2021.
Malia que falta case toda a segunda metade do campionato, a derrota deixa moitas dúbidas sobre as posibilidades de salvación dun equipo que xoga como se non fora tal.
As branco e azuis foron superadas na táboa polo conxunto vasco e están só con tres puntos de marxe sobre a zona do descenso, que ocupa o Olímpico de León, outro conxunto que gañou fácil en Mabegondo.
A folga da próxima semana deberá servirlle a Pombo para collerlle os aires ao equipo e a este para recuperar o nivel competitivo das primeiras xornadas, ademais dalgunhas lesionadas e sancionadas.

Ficha

SÁBADO 17/01/2026 (16,00) Campo: DÉPOR TRAINING CENTER-8 (Mabegondo) (50)
R.C.D. LA CORUÑA B : 1 – C. BIZKERRE : 6 (0‑3)

COR : Martina; Sara Barreda, Carballada, Noe Mayo; Apóstol, Sonsoles, Mariño, Daniela (Claudia 65’), Laurita (Sara Cercido 77’), Yanis; Laura Otero (Jenny 65’). Tre. Brais Pombo. (Banco: Antía Veiga (g); Emma Gandoy; Ángela; Ade).
BIZ : Iraia; Miranda, Naroa, Palacios (Aintzane 81’), Belaustegi; Atxi (Julene 68’), Armesto, Irati Gil (Zeberio 74’), Amets; Garro (Paula 68’), Marta (Naira 74’). Tre. Xabi Expósito. (Banco: Enara (g); Cristina).
Goles: 0-1 Atxi 11’; 0-2 Garro 29’; 0-3 Garro 45’; 0-4 Palacios 56’; 0-5 Garro 63’; 0-6 Miranda 69’; 1-6 Jenny 87’.
Árbitro: Castro García (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Cousillas Carrera e Jáuregui Cajigal.
Disciplina: CA: Carballada 84’.

Fotografía. RC Deportivo

Comparte éste artículo
No hay comentarios