Publicada en Tempo Galiza Editora, a obra forma parte da programación que vén desenvolvendo Galiza Cultura desde 2023 para a popularización, difusión e dignificación da obra do político galego.
A Federación Galiza Cultura, entidade conformada polo tecido asociativo do país, organizará, ao longo desta semana, a presentación da compilación ‘Castelao. Chama e alento incesantes’, obra colectiva realizada por 13 persoas especializadas na vida de Daniel Castelao, nomeadamente na súa actividade política pública e na súa obra.
Publicada en Tempo Galiza Editora, a obra forma parte da programación que vén desenvolvendo Galiza Cultura desde 2023 para a popularización, difusión e dignificación da obra do político galego.
A idea da obra naceu co obxecto de ser unha guía polo camiño do coñecemento sobre o que Castelao é e sobre o que Castelao foi, tomando como punto de partida o que el mesmo deixou por escrito no seu Sempre en Galiza.
Deste xeito, desde a Federación destacan que “A importancia deste libro colectivo nace de entender que a ignorancia, a manipulación e o desprezo sobre todo o que representa Castelao se teñen conformado como algo instalado nos espazos onde deberá, precisamente, ser divulgado e popularizado, o que impide o coñecemento real e efectivo da súa figura e da súa obra, de valor incuestionábel e moi representativas do mellor que deu a Galiza na política, na arte e na literatura nunha etapa tan crucial da nosa historia como foi a primeira metade do século XX”
Con todo, durante o primeiro semestre do ano pasado, a Federación realizou un traballo de dinamización e produción desta compilación de achegas da que formaron parte Rubén Lois González, María Pilar García Negro, Pilar Allegue Aguete, Xosé Díaz Díaz, Manuel Ferreiro Fernández, Bieito Lobeira Domínguez, Lucía Veciño Souto, Tareixa Navaza González, Manuel Rei Romeu, Xoán Carlos Garrido Couceiro, Xoán Costa Casas, María Xosé Bravo San Xosé e Francisco Rodríguez Sánchez, e que finalmente se viu culminado neste traballo, presentado publicamente no pasado mes de xullo no marco do Festigal celebrado en Santiago de Compostela.
Porén, é neste ano 2026 no que a Federación ten organizada unha serie de presentacións ao longo do país, comezando nesta semana, decorrendo deste xeito:
En Santiago de Compostela, a presentación será mañá, martes día 20, ás 20 horas, en ‘Vide, vide! Espazo Enocultural’ (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10), participando os autores Bieito Lobeira Domínguez, Tareixa Navaza González e Lucía Veciño Souto.
A actividade pasará logo á Coruña ao día seguinte, mércores día 21, ás 19.30 horas, nos locais da AC Alexandre Bóveda (Rúa de Santo André, 36, 1°, edificio do Circo de Artesáns). Para a actividade na cidade herculina, serán Manuel Ferreiro Fernández, Pilar García Negro e Manuel Rei Romeu quen fagan parte do mesmo.
E por último, nesta primeira quenda de presentacións, a Federación achega a obra a Ferrol o xoves día 22, tamén ás 19.30 horas, nas dependencias do Antigo Hospicio Municipal (Rúa Méndez Núñez, 11). Desta volta, serán Xosé Díaz Díaz e Xoán Costa Casas quen falen das súas achegas en particular, e do conxunto da obra en xeral.
Todos estes actos serán introducidos por Xosé Manuel Carril, presidente da Federación.
Esta actividade lévase a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2026 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.