A Laracha. A execución do proxecto de mellora viaria en Soandres entra na última fase

A actuación reforza a accesibilidade entre Encián e As Senras, e contribúe a mellorar o acceso ao mosteiro De San Pedro.

A execución das obras de mellora da rede viaria que afectan á estrada que comunica os núcleos de Encián e As Senras, en Soandres, entraron na súa última fase de actuacións. Así o puideron comprobar o concelleiro responsable da área de Obras Públicas, Pablo Cambón, e o edil Manuel García Montes, natural e residente nesa parroquia, durante unha visita ao lugar das intervencións.

O proxecto inclúe a renovación da superficie de rodadura e a limpeza de cunetas que xa están executadas na súa totalidade para facilitar o tránsito dos vehículos. Tamén foron perfilados varios noiros para evitar desprendementos e aumentar a seguridade na vía. Só restan por levarse a cabo a instalación dunha barreira de protección nunha das marxes para garantir unha circulación máis segura ante o desnivel existente cara ás parcelas lindeiras e a sinalización horizontal e vertical necesaria para optimizar a visibilidade e favorecer a condución en condicións máis adecuadas.

Con este proxecto o Concello mellora as conexións entre os citados núcleos de poboación da parroquia e, ao mesmo tempo, facilita un acceso máis cómodo e seguro ao mosteiro de San Pedro, o elemento patrimonial máis importante do termo municipal.

A obra supón un investimento de 58.000 euros cofinanciados pola Deputación da Coruña a través de Plan Único de Concellos POS +.

Comparte éste artículo
No hay comentarios