Non habían ser moitos quen confiasen no triunfo camariñán neste partido, no feudo do líder e despois de varias derrotas -algunha moi contundente- que tiñan comida a moral aos azuis. Non así ao seu adestrador Juan Cabrejo, que xa na previa habitual que publican nas redes do club, sinalaba o xeito de saír vencedores dese duro choque. Primeiro, orde e rigor defensivo e despois, coidarse dos erros ás veces infantís que tantos puntos están a custarlles.
Dito e feito. E pese ás baixas de pesos pesados como Javi e Roi, os que saltaron ao terreo de xogo deron a cara e cumpriron sobradamente. Apoiados nun gran labor en defensa, as contras e o balón parado foron a clave dunha vitoria épica que comezaba co gol do capitán Moriño nun disparo que batía nun defensa e se coaba dentro da portería. Aínda case celebrando e tras un saque de curruncho, o testarazo de Borja liberaba dopamina a esgalla na afección azul presente no Municipal. Un 0-2 que duraba apenas uns minutos porque de contado o Bertamiráns recurtaba cun golazo por toda a escadra e con media hora por diante de tempo. Pero ao Camariñas, onte, ninguén podía arrebatarlle xa eses tres puntos que defenderon apretando os dentes e co corazón a ras de céspede, rodando á mesma velocidade que a pelota.
Fotografía Sefy