Amigas das Árbores. Ourense: O «museo dos horrores» do noso patrimonio vivo

A rúa Pena Trevinca convértese no último exemplo do maltrato arbóreo na Cidade das Burgas, onde o formigón ameaza con estrangular un refuxio climático indispensable para a comunidade escolar.

O que debería ser un exemplo de coidado do noso patrimonio natural transformouse nunha mostra de desleixo institucional. Entre a estación de San Francisco e o colexio Irmáns Villar, as imaxes falan por si soas: os plátanos de sombra sofren un «estrangulamento» literal. A ausencia de alcorques axeitados e a pavimentación agresiva de formigón pegada ao tronco feren de morte a estas árbores, condenándoas a enfermidades e a unha desaparición segura.

Esta situación non é un feito illado, senón que converte a Ourense nun escaparate do que nunca se debe facer co patrimonio vivo. Estamos ante unha deshumanización da cidade a pasos axigantados, dirixida por gobernantes que actúan sen xeito nin sensibilidade cara á natureza urbana.

Ferir ás árbores desta maneira, sen deixar espazo entre a parte viva e o cimento, é un ataque directo contra un refuxio climático consolidado. Non podemos esquecer que esta zona é o camiño diario dunha comunidade escolar viva: nenos, nenas, docentes e familias que merecen unha contorna saudable e un exemplo de xestión ética e sostible.

Por todo isto, diriximos un escrito ao Concello de Ourense esixindo a creación inmediata de alcorques axeitados. É urxente que se respecten as funcións ecosistémicas destas árbores para garantir que sigan vivas e cumprindo a súa misión: darnos sombra, aire puro e unha cidade máis humana.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios