O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, recibiu ás xogadoras do primeiro equipo do Club Voleibol Emevé, xunto con representantes da directiva e do corpo técnico, antes da súa viaxe a Tenerife para participar na Copa da Raíña.
Durante o encontro, Arias trasladou ao club os seus desexos de éxito tanto nesa competición como no resto da tempada ligueira e destacou “o esforzo, a constancia e o traballo” desenvolvido polo equipo, “que se traduce en obxectivos cumpridos, coma a clasificación para este torneo nacional”.
O delegado eloxiou a traxectoria do Emevé, subliñando que a súa presenza nunha competición de máximo nivel como a Copa da Raíña “é motivo de orgullo para Lugo e para toda Galicia” e puxo en valor o papel do club “tamén como referente do deporte feminino na provincia”. Neste senso, reafirmou o compromiso da Xunta co fomento do deporte, “especialmente do deporte feminino e de base, como ferramenta de cohesión social e promoción de valores como o esforzo, o compañeirismo e a superación”.
A Copa da Raíña reunirá desde este xoves ata o domingo en Tenerife aos mellores equipos de voleibol feminino do panorama nacional. Dispútana os oito primeiros clasificados ao remate da primeira volta da Liga Iberdrola, entre eles o CV Emevé. O conxunto lucense, adestrado por Alberto Chaparro, iniciará a súa participación no campionato mañá fronte ao Avarca de Menorca, vixente campión do torneo.