Onte, día 20, ás 16.20 horas, coñecíamos un decreto asinado polo alcalde de Lugo polo que se SUSPENDÍA A CELEBRACIÓN DUNHA Xunta de Goberno extraordinaria, que fóra convocada o día anterior e que tiña como único punto da orde do día a aprobación dos Orzamentos municipais. Estamos a falar dun asunto absolutamente esencial para o municipio e que, unha vez máis, queda bloqueado, cando o trámite xa vai fóra de prazo.
Para o PP, esta é unha noticia negativa, xa que seguimos sen coñecer absolutamente nada do contido dos Orzamentos e aumenta a incerteza sobre a planificación económica do Concello. Para o PP a suspensión de militancia dunha edil da súa agrupación ten unha relación directa coa suspensión desta convocatoria.
Preocupación nova crise interna afecta á xestión municipal.-
“Dende o Partido Popular sempre fomos absolutamente escrupulosos e respectuosos coas crises internas que poidan existir dentro das diferentes agrupacións, pero vémonos na obriga de alzar a voz cando esas crises deixan de ser un asunto interno e pasan a afectar directamente ao funcionamento ordinario do Concello, como está a suceder neste caso”.
Por iso, dende o Grupo Municipal do PP facemos unha chamada de atención ao goberno local para que se centre no realmente importante: resolver os problemas dos lucenses, e deixe de dedicar tempo e enerxía aos seus problemas internos.
Lugo necesita un goberno centrado, estable e plenamente dedicado á xestión. A preocupación do PP é evidente, porque estas crises están a absorber o traballo e as enerxías do alcalde e do seu equipo.