3ª galega: Compostela, un campión de inverno que arrasa

Líder en solitario e indiscutible desde a xornada 4, todas as datas en posto de ascenso ou de fase de ascenso, único equipo que non coñece a derrota, mellor goleador, segundo menos goleado e dez puntos de vantaxe sobre o segundo. É o Compostela, que nunca debeu descender na pasada campaña e que recuperará a categoría, con toda probabilidade, ao remate da presente.

Compostela, o gran favorito

Os datos sinalados anteriormente mostran un líder feito para gañar. Dos 51 puntos posibles, só deixou dez por facer, debido ás igualadas na Illa de Arousa, Lavadores, Vilalba, Arteixo e a absolutamente sorprendente sumada na casa contra o actual lanterna vermella, Barbadás. Ninguén, incuso aplicando factores correctores pola desigualdade de competidores, chega á porcentaxe de puntos logrados polo cadro capitalino logo de 17 partidos, desde que a Terceira Federación.
Sen precisar desenvolver un fútbol brillante, o equipo demostrou precisar poucas ocasións para facer goles. Defensivamente é complicado que reciba goles. Sete partidos coa porta a cero e só dous equipos, Lugo B e Racing Villalbés, capaces de facerlle dúas dianas, tamén exemplifican o rigor defensivo proposto por Secho Martínez.

Arosa, outro ano máis pelexando na segunda liña

Desde o descenso, na temporada 2021/22, o obxectivo do Arosa só é volver a Segunda Federación. Para esta campaña volveu facer un equipo competitivo, cos xuvenís que rematan a súa condición logo de consolidar ao equipo na División de Honor. Resulta incomprensible que nalgún dos tres pasados exercicios non o conseguira. A súa praza debería ser a segunda e, con ela, contar con vantaxe da Lomba para afrontar as eliminatorias de ascenso na fase galega. Por agora é cuarto, aínda que é o único, xunto co Compostela, que estivo nas 17 xornadas que levamos entre os cinco primeiros clasificados.

Racing Villalbés e Somozas, veciños nas alturas

Logo da baixada aos infernos do As Pontes, os partidos Racing Villalbés-Somozas son practicamente un derbi. Os dous equipos roubaron ao Arosa o seu dereito apriorístico de ser segundo. O cadro da capital da Terra Cha, coa mellor defensa do grupo e, probablemente, contando co mellor meta, Álex Santomé, asegurou o subcampionato de inverno grazas a unha regularidade impecable. Só cedeu dous partidos, o primeiro, contra o Alondras, e o oitavo, contra o Somozas. Desde entón, catro triunfos e cinco empates.
Pola súa banda, o Somozas, grazas a que despois do Compostela é o equipo que gaña máis partidos (9), instalouse na zona privilexiada da táboa, cos mesmos puntos que o Villalbés.

O quinto posto

Boiro, con cinco triunfos e dous empates nos oito últimos partidos, foi unha das revelacións da última parte da liga. A derrota severa contra o Somozas no feche da primeira volta non afea o traballo de José Tizón nin o dun equipo coral no gol. Doce xogadores incrustaron o coiro no marco rival.
A outra sorpresa foi o Céltiga, que cunha xeira de cinco triunfos seguidos chegou a estar na zona dos que xogarán a fase de ascenso. Os da Illa perderon regularidade nos últimos encontros, incluído o derbi do pasado domingo, no que o Arousa foi quen de gañarlle no Salvador Otero cando o encontro apuntaba ao empate.
Entre os do Barbanza e os do Salnés anda o Lugo B, na primeira temporada da súa historia. Cun equipo renovado, tendo como referente a Aday, mellor goleador empatado co compostelanista Maceira, está á espera de calquera erro para subir á zona máis nobre da táboa. Mágoa para os branco e vermellos a lesión grave de Arão no partido do pasado domingo contra o Villalbés.

Estradense, fútbol sen resultados

De quen se esperaba máis era do Estradense. Manuti González mantén o patrón da pasada temporada, mais os resultados non están sendo tan propicios como se esperaba. Cinco triunfos, cinco derrotas e sete empates non era o balanzo esperado para a metade do torneo na vila dos cen anos de fútbol.

Os catro ascendidos

Logo da revelación, Céltiga, o At. Coruña Montañeros é deses equipos que poden considerarse tapados. Non está lonxe dos lugares de ascenso e, sen marcarse presión, falan con sensatez que o obxectivo é a permanencia. Con futbolistas experimentados como Cano, outros con momentos espectaculares como Balsa e o rigor que impón ao xogo Jairo Arias, a ninguén pode estrañarlle que poda ir a máis na segunda volta.
O Cambados e o Barco van sufrir. No que atinxe aos amarelos, Dieguito Iglesias marcou diferenzas en varios momentos, o mesmo que dous seguros que Pénjamo ten como pivotes posicionais, André e Seydou, un portento físico, que ás veces ten problemas para pensar rápido.
En relación aos vermellos, o seu principal problema é a descompensación do plantel, ao que se une a intermitencia no xogo.

Os tres últimos

Noia, Silva e Barbadás ocupan as últimas posicións. Os tres xa mudaron o técnico co comezaron a liga. O Barbadás, curiosamente, logo dun aceptable comezo, chegou a estar en posición de fase de ascenso durante dúas xornadas. En calquera caso, todos teñen opción de saír da situación tendo en conta que entre o Cambados (13º) e o Barbadás (18’) só hai cinco puntos de distancia.

Outras curiosidades:

Equipo con máis xornadas en ascenso directo: Compostela (15).
Equipo con máis xornadas en fase ascenso: Arosa (17).
Equipo con máis xornadas en descenso: Silva (16),
Equipos que estiveron en ascenso, fase de ascenso e descenso: At. Arteixo (1-0-1), Céltiga (0-6-1), Boiro (0-3-1), Racing Villalbés (0-9-1), Barbadás (0-2-11).
Equipo con máis penaltis a prol: At. Arteixo, At. Coruña Montañeros, Noia, Lugo B (4).
Equipo con menos penaltis a prol: Barbadás (0).
Equipo con máis penaltis en contra: Noia (6).
Equipo con menos penaltis en contra: Somozas (0).
Equipo con máis cartóns: Céltiga (64 = CA: 58 / DA: 1 // VD: 4).
Equipo con menos cartóns: At. Coruña Montañeros (31 = CA: 27 / DA: 1 // VD: 2).
Equipo con máis expulsións: At. Arteixo (7= DA: 2 // VD: 5).
Equipo con menos expulsións: Arosa, Compostela, Viveiro (1= VD: 1).
Mellor goleador: Aday (Lugo), Maceira (Compostela) 10 goles.
Guardarredes menos batido: Álex Santomé (Racing Villalbés) 9 goles en 17 partidos, (0,53).
Árbitro con máis partidos: Espasandín Cores (7),
Árbitro con menos partidos: González González, Naya Rey (1).
Árbitro con maior media de cartóns: García Veiras, 53 cartóns en 6 partidos (8,83 por partido).
Árbitro con menor media de cartóns: Padín Pita, 16 cartóns en 6 partidos (2,67 por partido).
Árbitro con maior número de expulsións: Fernández Otero (6= DA: 2 / VD: 4).
Gol 1: Marcos (At. Arteixo) bate a Andrés (Gran Peña).
Gol 100: Aday (Lugo B), bate a Israel (Estradense).
Gol 200: Brian Castro (Barco) bate a Borja Suárez (Barbadás).
Gol 300: Moreyra (Boiro) bate a Chema (Arosa).
Maior goleada local: Céltiga-Somozas: 5-0
Maior goleada visitante: At. Arteixo-Alondras: 0-4, At. Coruña Montañeros-Racing Villalbés: 0-4, Barbadás-Estradense: 0-4.
Partido con máis goles: Arosa-Noia, 5-2, Céltiga-Arosa: 3-4.
Partido con máis cartóns: Estradense-Alondras, con Castro Alarcón (15= CA: 14 / VD: 1).
Partido con máis expulsións: At. Arteixo-Racing Villalbés, con Castro Castro (3= VD: 3).

Foto: S:D: Compostela no derradeiro partido da primeira volta. (c) 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios