Katy Varela, tras comprobar que quere aumentar a asignación aos concelleiros: “O que fai o alcalde é tentar comprar o silencio dalgúns edís socialistas, que non están de acordo con esta decisión, e da oposición, pero aos concelleiros do PP non nos pode comprar”.
Os concelleiros do Grupo Municipal de Monforte denuncian que José Tomé “co amparo e apoio incondicional” dos edís do Grupo Socialista levará ao pleno do luns a ratificación dun decreto de alcaldía, é dicir, unha decisión unilateral do alcalde, “para asignarse unha nova dedicación exclusiva anual de 85.307,63€”.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “isto débese a que como perdeu o seu soldo como presidente da Deputación, debido a que o seu propio partido obrigouno a dimitir por unha denuncia dun presunto delito de acoso sexual, agora Tomé decide asignarse un soldo á conta do erario publico”.
Katy Varela explica que “entendemos que deben remunerarse determinados cargos de xestión, pero dadas as circunstancias, nas que o alcalde deixou de cobrar un soldo na Deputación porque o seu partido decidiu apartalo pola denuncia de presunto acoso sexual, entendemos que o ético e correcto sería dimitir e, en caso de non facelo, non asignarse unilateralmente semellante soldo”.
QUERE COMPRAR O SILENCIO DA CORPORACIÓN
Ademais, Katy Varela denuncia “o intento de comprar o silencio dos concelleiros da corporación” por parte do alcalde para que esta “decisión unilateral de Tomé, que conta co amparo e apoio dos concelleiros socialistas”, non transcendese.
A voceira popular fai esta denuncia tras constatar como na documentación que pretende aprobar José Tomé tamén figura subida de asignación por asistencia a órganos colexiados, pasando dos 150€ actuais a 200€.
«O que está a facer o alcalde con esta proposta é tentar comprar o silencio dalgúns concelleiros socialistas que non están de acordo con esta decisión, e tentar comprar o silencio da oposición, pero como ve o señor Tomé, polo menos aos concelleiros do PP non nos pode comprar», sentenciou.