Antonio Ameijide destaca “o gran traballo” realizado polo sector privado, que inviste, mellora servizos e trata ao visitante con profesionalidade; os concellos, que traballan para atraer visitantes; e a Xunta, que segue a potenciar o Camiño de Santiago, fronte a unha Deputación de Lugo “que permanece ausente”
“PSOE e BNG seguen demostrando unha absoluta falta de interese polo turismo como motor estratéxico de desenvolvemento da provincia”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras ver a presentación que realizaron tanto socialistas como nacionalistas da provincia de Lugo en Fitur 2026.
Antonio Ameijide explica que esa reflexión se fundamenta en que “tanto para PSOE como para BNG a súa preocupación polo turismo redúcese a acudir tres días a Fitur, cun vídeo promocional e unha presentación duns 12 minutos, unha actuación claramente insuficiente para unha provincia con enormes potencialidades turísticas que levan case dúas décadas abandonado”.
O popular sinala que “o turismo non pode limitarse a unha acción puntual unha vez ao ano” xa que a provincia de Lugo “ten moitísimas potencialidades que cómpre fomentar cun traballo constante e planificación todo o ano”.
“Un traballo que non é só de promoción, senón que tamén hai que coidar estradas e as infraestruturas, manter espazos naturais e zonas verdes, garantir boas comunicacións e proxectar unha imaxe sólida e continua da provincia no exterior”, denunciou.
PSOE E BNG NON FIXERON NADA, SO TEÑEN O QUE HERDARON
Antonio Ameijide tamén destacou que “resulta chamativo que todos os recursos turísticos que se utilizan para promocionar a provincia foron creados durante gobernos do Partido Popular na Deputación”. Entre eses recursos están a Ribeira Sacra, os embarcadoiros fluviais, a potenciación da Mariña con paseos, accesos ás praias e melloras nas comunicacións, ou espazos verdes emblemáticos como o Paseo do Rato ou o Paseo do Miño. Incluso as Reservas da Biosfera, que agora se presentan en Fitur como reclamo.
Pola contra, tras case vinte anos de gobernos de PSOE e BNG, non se puxo en marcha ningún proxecto relevante, “o único que fixeron foi abandonar o sector”, poñendo como exemplo o complexo turístico de Augas Mestas, en Quiroga, pechado por falta de vontade política, malia ser unha instalación pioneira e hoxe plenamente vixente.
Antonio Ameijide destacou “o gran traballo” que están a facer dende a Xunta de Galicia, os concellos e o sector privado na promoción da provincia. “O sector privado, os concellos e a Xunta están a facer un esforzo enorme. A hostalaría inviste, mellora servizos e trata ao visitante con profesionalidade; os concellostraballan para atraer visitantes, e a Xunta segue a potenciar o Camiño de Santiago, mentres a Deputación de Lugo permanece ausente”, explicou.
.