O PP de Lugo esixe a PSOE e BNG que se abran os vestiarios do Pacito todos os días e non só durante as fins de semana para as competicións oficiais

O deputado provincial, Antonio Ameijide, e os concelleiros do PP, Javier Vázquez e Damián Carballo, comprobaron como tras investirse 236.000€ nestas instalacións están pechadas de luns a venres sen ter os xogadores onde ducharse ou onde ir ao baño durante os adestramentos.

Dende o Partido Popular reclaman a PSOE e BNG que se abran todos os días os vestiarios dos Anexos do Pazo Provincial dos Deportes, máis coñecido como Pacito, xa que “os vestiarios que se habilitaron unicamente se poden usar durante as fins de semana”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e os concelleiros do PP, Javier Vázquez e Damián Carballo, comprobaron como estas instalacións están pechadas de luns a venres “polo que ningún dos nenos e nenas que a diario adestran nestas instalacións os poden usar”.

“A realidade é que PSOE e BNG gastaron 236.000€ en habilitar uns vestiarios so para as fins de semana, negando o seu uso de luns a venres aos centos de nenos e nenas que adestran a diario no Pacito”, denunciaron.

Antonio Ameijide recorda que, tanto os pais e nais dos rapaces como dende o PP, “levamos moitos anos demandando o acondicionamento tanto das pistas como duns vestiarios e tras moito insistir deron o brazo a torcer tanto no PSOE como no BNG, pero lamentamos que os teñan pechados de luns a venres”.

Trátase dunha actuación que foi sinxela xa que unicamente había que aproveitar algún dos espazos do Pazo Provincial dos Deportes “pero nin iso son capaces de facer ben nin PSOE nin BNG, porque non ten sentido crear uns vestiarios que non se poden utilizar de luns a venres”.

“É dicir, de luns a venres, de 16:00 a 23:00 horas hai equipos adestrando nestas pistas pero non poden empregar os vestiarios porque PSOE e BNG decidiron que non teñen dereito a usalos entre semana e unicamente se abren durante as fins de semana para as competicións oficiais”, critica Ameijide.

Para o voceiro provincial popular “isto é un verdadeiro despropósito porque o que están a facer é negar o uso dunhas instalación moi necesarias e moi demandadas pola cidadanía”.

Por iso, os populares seguirán a reclamar a apertura destes vestiarios todos os días para que “todos os nenos e nenas que acoden a adestrar teñan un espazo adecuado para poder cambiarse”.

VESTIARIOS QUE NON SON ACCESIBLES

Dende o PP tamén reclaman que os vestiarios sexan accesibles “para todos” porque a realidade é que as dimensións dos mesmos impiden que poida entrar unha persoa en cadeira de rodas. “Esa é a preocupación real de PSOE e BNG”.

A normativa de accesibilidade indica que tanto as portas de paso como as portas de acceso dende o exterior deben cumprir unha serie de normas de accesibilidade para a súa seguridade:

– O ángulo de apertura da porta en cuestión será como mínimo de 90º. Para isto, é importante como colocar no chan os topes da porta e non reducir este ángulo.

– O ancho de paso libre debe ser mínimo de 80cm, sendo 100cm o recomendable. As portas deben levar na parte inferior un zócalo metálico (40cm aprox.) para evitar posibles roturas co rozamento de cadeiras de rodas ou outros elementos de axuda. En canto á altura libre do oco da porta, deberá ter como mínimo 220cm.

“A realidade é que as portas dos vestiarios teñen un ancho de 74cm polo que non cumpre coa normativa. Invisten 236.000e e non son capaces nin de cumprir coa normativa vixente. Nin iso son capaces de facer ben”, lamentou Ameijide.

Comparte éste artículo
No hay comentarios