CCOO Lugo celebra a inauguración da nova «estación termal» na Escola Infantil Gregorio Sanz grazas ao PSOE e ao BNG

Desde Comisións Obreiras queremos trasladar o noso máis entusiasta —e algo mollado— recoñecemento ao PSOE e ao BNG. Grazas á súa visión de vangarda, Lugo conta cunha infraestrutura educativa única no mundo: a primeira escola-piscina de cuberta autolimpante na Escola Infantil Gregorio Sanz.

É un sistema prodixioso: actívase automaticamente coa chuvia —fenómeno que, por fortuna, en Lugo apenas se dá— e permite que unha xenerosa lámina de auga se instale no tellado para, acto seguido, repartirse de forma gratuíta e democrática por aulas e corredores. Un exemplo de eficiencia hídrica: a auga entra por arriba, baixa pola gravidade e humedece o proxecto educativo sen gastar un euro en bombeo.

Grazas a esta «aposta decidida», as crianzas xa non teñen que viaxar ás piscinas municipais. A experiencia acuática chega directamente ao pupitre, aos cadernos e, por suposto, aos cubos de cores que o persoal, con gran creatividade pedagóxica, coloca estratexicamente para recoller as filtracións. Educación integral e mergullo lingüístico (e físico) ao mesmo tempo.

Entendemos que, ante semellante marabilla arquitectónica, outras minucias teñan que esperar:

  • Arranxar goteiras históricas? Para que, se podemos ter un «humidadeiro» natural?
  • Instalar a climatización prometida? Innecesaria, coa brisa húmida que corre polas aulas.
  • Calefacción que funcione no inverno? Un luxo burgués que non combina co concepto de «escola ao aire libre» que parecen promover dende o Concello.

Confesamos que, tras anos de avisos, reclamacións e un silencio administrativo tan estanco como o debería ser o tellado, xa non sabemos como dicilo. Por iso hoxe optamos por celebrar que o PSOE e o BNG son absolutamente impermeables: non á chuvia, que esa entra toda, senón á súa propia responsabilidade e á vergoña de manter a crianzas e persoal entre baldes de auga.

Un tellado que filtra durante anos non é un fallo técnico: é un monumento á desidia política.

Desde CCOO seguiremos «gozando» deste balneario improvisado, agardando que algún día alguén no goberno local decida que unha escola infantil merece algo máis que parches, moita cara dura e recipientes para recoller a indignación que cae do teito.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios