Manolo García e Clemente Sánchez, seleccionadores galego a asturiano, escolleron aos xogadores que utilizaran para a loita polo pase a fase final española da Copa das Rexións UEFA.
A Irmandiña presenta tres novidades en relación aos convocados na primeira fase. Pola súa parte, hai seis astures que ollaron como a alba e celeste os derrotaba en San Martiño do Rei Aurelio hai dous anos e virán dispostos a cobrar a vinganza na Malata.
O partido, que permitirá o acceso libre aos seareiros, xa comeza a xerar noticias esperando a hora do comezo, ás seis da tarde do próximo mércores (28/01/2026).
Os 18 galaicos
Manolo García decidiu que entre os 18 que pelexarán na eliminatoria intermedia haberá tres novos en relación aos que estiveron hai mes e medio na provincia de Palencia.
Mati (Gran Peña) e Yosi e Moreyra (Boiro) non estarán en Ferrol, sendo reemprazados por Bellido, Cadra e a sorpresa, Noel Álvarez.
O emblema irmandiño estará defendido por Andrés (Gran Peña) e Atib (Viveiro) como guardarredes.
As seis alternativas para a zaga levan os nomes de Achore (At. Coruña Montañeros), Bellido (Estradense), Cadra (Racing Villalbés), Dopico (Somozas) e Óscar López (Estradense).
Para a franxa central foron chamados Brais Vidal (Estradense), Diego (Boiro), Lombao (Arosa), Lucas (Alondras), Make (Racing Villalbés), Noel Álvarez (Barco) e Rachu (Noia).
Pola titularidade na vangarda pelexarán Adrián (Céltiga), Cambón (Somozas) e Noel Chaves (Cambados).
Os encarnados Pablo Carabán e Brais Vidal xa saben o que é gañar esta competición ao nivel continental, malia non xogaren a final contra Belgrado (2022/23), e o boirista Diego Enjamio aínda queda dos que ergueron o trofeo estatal xusto antes da pandemia, malia que tampouco xogara minutos naquela semifinal nin na final (2019/20).
Outro dato é que calquera dos tres que entran novos nesta convocatoria serían estreantes coa afeccionada Irmandiña caso de xogar un segundo.
Como contrapunto a isto, o futbolista convocado con máis experiencia na selección galega non profesional é Pablo Carabán. O central do Estradense chegaría a dez partidos caso de xogar.
Os 18 astures
Desde oriente, Clemente Sánchez tamén desvelou quen son os seus convocados para A Malata.
A meta estará defendida por Aless Domínguez (San Claudio) ou Enol Ordóñez (San Martín).
A defensa poderá estar formada por Carlos (L’Entregu), Ekeneme (Mosconia), Jorge Argüelles (Praviano), Mateo (Colunga), Mikel (Llanera) e Sergio Ordóñez (Caudal).
Para a liña media decidiuse por Álex Solís (Llanera), Canal (L’Entregu), Galo (Tuilla), Meana (L’Entregu) e Nistal (Ceares).
Por último, no ataque poderá alternar a Aitor Rubio (San Martín), Armayor (Titánico), Layman (Ceares), Monasterio (Tuilla) ou a Palacio (Mosconia).
Chama a atención a presenza do meta Aless Domínguez, o único dos 36 convocados que milita nun sexto nivel (Primeira Astur). Todo o contrario son os xogadores con experiencia en Segunda B (terceiro nivel) e Segunda Federación (cuarto nivel). Mikel xa estivo na Malata cando xogou co Marino na 2019/20. Naquel 01/12/2019 non foi utilizado por Oli Álvarez.
Nas dúas últimas campañas, Sergio Ordóñez defendeu as cores do Langreo e hai dúas, Carlos pasara co Covadonga unha temporada na Segunda Federación. Curiosamente, todos estes xogadores con maior rango histórico forman parte da liña defensiva.
Un dos citados, Mikel, é o único representante do líder da Terceira asturiana, mentres que Galo, Monasterio e Armayor forman parte de dous dos tres planteis que ocupan posicións de descenso directo na Terceira asturiana.
Oito repetidores
O último enfrontamento galaico-asturiano é recente. Data da pasada edición do torneo bianual, o que facilita que varios xogadores repitan o enfrontamento.
Por parte galaica, Carabán, que xogara os 90 minutos, e Diego, entón no Arosa, que substituíra a Álex Melide no minuto 61, estiveron no partido do Nuevo Nalón.
Por parte dos visitantes, seis xogadores e o seleccionador, Clemente Sánchez, repiten igualmente. Enol Ordóñez fora suplente, Mikel, Meana e Monasterio xogaron os 90 minutos e Mateo foi reemprazado por Nistal no minuto 61.