Un dobrete de Escobar fai que o Racing volva a gañar

Logo de catro derrotas que mandaron ao equipo fóra das posicións de fase de ascenso, o Racing volver a gañar. Fíxoo a costa do Arenteiro, a quen o seu fútbol non lle deu para máis. Mingo foi o único rematador e non foi quen de atinar. Escobar fixo o seu primeiro dobrete como racinguista. Abriu o marcador logo de recoller o rebote do penalti que el mesmo errara, e fechouno ao culminar un centro de Leal. O segundo tempo tivo menos historia. Chuca, ex do Racing, estreouse coa camisola do Arenteiro.

Primeiro dobrete de Escobar

O primeiro partido de Guillermo Fernández na Malata comezou con susto para o técnico e a parroquia local. Non ían trinta segundos cando Parera tivo que estirarse até a base do poste para desviar polo fondo un disparo de Cuéllar.
O técnico racinguista propuña un novo debuxo, con dous atacantes, un centro do campo mellor distribuído, que xuntou a un sentido da verticalidade máis práctico que teórico, que aportou máis capacidade de chegada que o visto até o momento. Ademais, Edgar foi retirado do once inicial por primeira vez por decisión técnica.
Tamén levou susto, ou máis ben viuse sumido na incerteza, aos sete minutos, nun remate a gol de Álvaro, que salvou Lôhr. A continuación, no segundo centro, Álvaro volveu ao segundo pau para rematar o centro desde o fondo de Pascu e foi agarrado por Jordan. Logo da revisión de catro minutos, Escobar lanzou o penalti, Alvin rexeitou pero o ex da Leonesa apañou o rebote a marcou facilmente.
Puido ampliar o Racing a vantaxe aos vinte minutos. Escobar controlou en dous tempos un pase vertical cara á área e, tras ver como Eliseo anulaba a súa opción de tiro, abriu á súa dereita para que Álvaro Juan, de volea cruzara e ficara ás portas do gol ao ser desviado o coiro pola defensa. O córner, ao segundo pau, foi cabeceado por Chema perto da portería.
Anotaría no 33, cando Escobar recolleu un centro de Leal, que non puido rematar Álvaro en primeira instancia. O de Nigrán chegou por diante do seu marcador, controlou e xutou raso ás mallas antes de celebrar o seu segundo gol no encontro.
No prolongamento, Parera chapou unha cabezada de Mingo, que chegou forzado ao remate.

O Arenteiro quere, pero non pode

O Racing comezou o segundo tempo controlando o xogo, malia que o primeiro ataque con perigo foi visitante. Diego Moreno correu a banda esquerda, pero ao seu centro non chegaron nin Llácer, a quen o coiro pasoulle por diante, nin Adilson, a quen lle pasou por atrás.
Jorge Cuesta modificara o once dando entrada a Alpha por Jordan, que no primeiro tempo vira un cartón e acusaba molestias musculares, e o ex racinguista Chuca por Brais Val. O estreante ía ser o responsable de deseñar os ataques, mentres que Bastida atrasaba a súa posición para estar entre a defensa e os medios.
En tres minutos esa situación repetiuse dúas veces. Na segunda. Parera salvou o centro nunha área á que chegaran máis atacantes do conxunto do Carballiño.
No minuto 55, Mingo puxo a cabeza para rematar un centro de Diego Moreno. A pelota pasou perto da trabe. O Arenteiro era o dominador do partido, aínda que non era quen de rematar con xeito.
As substitucións deron repouso ao xogo. Os equipos desenvolveron un fútbol máis posicional e con menos presenza nas áreas. O Racing eliminaba aos dous puntas para afrontar o último treito. Á hora fora Álvaro, que deixaba o lugar a Tejera, que volvía da lesión oito xornadas despois, e no 76 marchou Escobar para que entrara Dacosta.
No minuto 79, Parera rexeitou un disparo en condución de Mingo. O feito repetiuse no 84, esta vez desde o lado esquerdo do ataque visitante. O ariete do Arenteiro monopolizaba todo na parte dianteira. Así, volveu a xutar contra un defensa no 86 e cabeceou desviado o subsecuente córner.
Ao final, sen que se movera o marcador, o Racing puido volver ao mundo das vitorias logo de perder os catro partidos anteriores. Pola súa banda, o Arenteiro, carente de poder na área rival, seguirá en posicións de descenso tras perder os folgos que collera coa chegada ao banco de Jorge Cuesta.

Ficha

SÁBADO 24/01/2026 (16,15) Campo: A MALATA (3.578)
RACING C. FERROL : 2 – C.D. ARENTEIRO : 0 (2‑0)
RAC : Parera; Leal, Chema, Zalaya, Álvaro Ramón; Álvaro Juan (Concha 60’), Gorostidi, Jairo (Peña 89’), Pascu (Azael 89’); Escobar (Dacosta 76’), Álvaro (Tejera 60’). Tre. Guillermo Fernández. (Banco: César (g); Lucas (g); Mardones; Edgar; Artetxe; Saúl; David).
ART : Alvin; Jordan (Alpha D), Löhr, Eliseo, Llácer (Dani González 58’); Cuéllar (Richarte 81’), Adilson (Julen Jon 65’), Brais Val (Chuca D), Bastida, Diego Moreno; Mingo. Tre. Jorge Cuesta. (Banco: Diego García (g); Gorka Pérez; Giménez; Moyà; David).
Goles: 1-0 Escobar 9’; 2-0 Escobar 33’.
Árbitro: Román Román (Castela e León). Auxiliares: De Ponga Díez e Buergo González. 4º árb.: Oliveira Dios.
Disciplina: CA: Jordan 6’; Gorostidi 13’; Diego Moreno 31’;Álvaro 45’; Zalaya 67’.
NOTAS: 9’ Alvin rexeita un penalti lanzado por Escobar, que marca no rebote.

Foto: Escobar lanzando o penalti que rexeitaría Alvin. © 21noticias.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios