Un gol no penúltimo minuto afunde ao Silva fronte ao Arosa

Seijo, que no penúltimo minuto fixo o seu terceiro gol da temporada, rabuñou unha vitoria para o Arosa cando ninguén esperaba. Os de Vilagarcía, que se adiantaron no primeiro tempo cun gol de Yoel Crespo, viron como o Silva os superaba tras o descanso. Os herculinos empataron por medio de Iago Pérez, a quen logo lle anularon un gol. Despois, perderon inxustamente un partido que os mantén na zona de descenso.

Golazo de Yoel Crespo

Os dous equipos presentaron onces adaptados ás circunstancias. A curiosidade foi que Diego Armando García e Gonza Fernández deberon adaptar a dous centrais, Seydi e Edgar, á posición de lateral esquerdo. O partido ía quedar condicionado polos fortes refachos que marcaron algunhas situacións do xogo.
Os primeiros acosos tiveron cor local. Aos nove minutos, Iago Pérez, en condución, acabou unha contra cun disparo desde a media lúa. Chema desviou o xusto para que o coiro saíra pola liña de fondo..
Superado o cuarto de hora, aproveitando a vantaxe táctica que aportaban os saques de banda longos de Moure, Adrián Vázquez apañou o despexe defensivo para facer unha acrobática chilena que pasou a un par de metros do pau..
O Arosa entrou ofensivamente no partido a partir de conseguir o primeiro córner. Remeseiro sacou fechado e Edgar, como puido, rematou entre dous rivais perto do primeiro poste.
Pouco despois chegaría o momento estelar para Yoel Crespo. No minuto 22, entrando pola esquerda, puido encarar a Gabri. O meta, que quedou magoado durante uns instantes, puido rexeitar aproveitando que o atacante perdera ángulo para encaixar a bola na portería.
Catro minutos máis tarde realizou unha acción de gran calidade. Recibiu perto do bico da área, temporizou ante Bilal e o lateral concedeulle o espazo para que enroscara un xute cruzado que entrou pola escuadra.
Puido empatar o Silva no minuto 35. Nico Mosquera correu á contra para recoller un pase vertical e disparou a rentes da trabe en canto pisou a área.

Silva, esforzo sen premio

Pouco demorou Diego Armando García en facer a primeira modificación tras o descanso. Aos cinco minutos, co condicionante do vento, buscou claramente o fútbol directo coa presenza de João no ataque. O Silva quería meter atrás ao Arosa, que saía en perigosas contras.
No minuto 53, Adrián Vázquez apareceu a un metro da liña de gol para evitar o segundo visitante logo do tiro cruzado de Lombao.
Superada a hora de xogo, e nun córner lanzado por Carletto, Iago Pérez non rematou ben no segundo pau e a defensa desviou. Houbo dous saques de esquina máis lanzados por Carletto con moita tensión. No segundo, no corazón da área, Iago Pérez puido xutar e celebrar o empate,
Dous minutos despois, no 65, o colexiado anulou un gol ao Silva nunha volea de Iago Pérez. João fora o infractor ao cargar anterregulamentariamente a un defensa. O partido tivo uns momentos moi dinámicos porque na acción seguinte, á contra, Gabri chegou antes que Rivera, quen adiantara demasiado o coiro no último toque. Os visitantes pediron penalti.
O Silva estaba a vivir os seus mellores momentos e Rodrigo, cun disparo desde dentro da área, tamén tivo opción de adiantar aos coruñeses. A pelota elevouse un chisco por riba da trabe.
Gonza Fernández substituíu aos dous puntas e, momentaneamente, deixou adiante a Seijo. Pouco despois veríase reforzado coa entrada de Álex. Malia todo, sería Luis Castro quen faría que o Arosa tivera presenza ofensiva. Primeiro cunha cabezada a un córner de Remeseiro e logo, no minuto 82, cun apurado xute desde fóra da área.
Os ataques arousanistas deron resultado no minuto 90, cunha subida pola dereita de Torrado. Centrou a ras de chan, Luis Castro deixou pasar o balón e Seijo cruzou ás mallas.
O Arousa sacaba tres inesperados puntos da Grela, mantense na loita pola fase de ascenso e o Silva, a quen o fútbol non tratou ben, segue mergullado na zona de descenso.

Ficha

DOMINGO 25/01/2026 (12,30) Campo: RODRIGO GARCÍA VIZOSO (400)
SILVA S.D. : 1 – AROSA S. CULT. : 2 (0‑1)

SIL : Gabri; Bilal, Adrián Vázquez, Moure, Seydi; Álvaro Rey (João 50’), Montero, Nico Mosquera (Carro 71’), Carletto, Rodrigo; Iago Pérez. Tre. Diego Armando García. (Banco: Barbera (g); Buján (g); Covelo; Rosas; Rodri).
ARO : Chema; Torrado, Pacheco, Samu, Edgar; Lombao (Álex 76’), Manu, Remeseiro (Concheiro 85’), Yoel Crespo (Sindo 85’); Rivera (Seijo 68’), Gabri (Luis Castro 68’). Tre. Gonza Fernández. (Banco: Manu Figueroa (g); Javi Rey).
Goles: 0-1 Yoel Crespo 26’; 1.1 Iago Pérez 63’; 1-2 Seijo 89’.
Árbitro: Arredondas Fernández (Galiza-Vigo). Auxiliares: Fragueiro Bautista e Rey Simons.
Disciplina: CA: Álex 90’.

Foto: Iago Pérez controlando a pelota ante Yoel Crespo. © 21noticias.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios