Chega á cidade departamental da man do Movemento DBS Galiza, da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña (UDC) e da plataforma cidadá Ferrol con Palestina.
A Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol acolle, ata o próximo 17 de abril, a mostra “HeART of Gaza”, unha iniciativa expositiva que naceu coma un simple intercambio de debuxos por WhatsApp entre o artista palestino Mohammed Timraz e a irlandesa FéileButler e que rematou por converterse no maior testemuño do sufrimento que viven os nenos e nenas palestinos en Gaza. Esta exposición itinerante chega á cidade departamental da man do Movemento DBS Galiza, da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña (UDC) e da plataforma cidadá Ferrol con Palestina.
A través de case 50 debuxos, creados por nenos e nenas de entre 3 e 17 anos, a exposición ponlle cara e voz á crise humanitaria que vive, desde outubro de 2023, o Estado de Palestina. Cada un deses debuxos está acompañado por un texto explicativo en árabe e en galego xunto cunha fotografía do autor ou autora. A maiores, botando man dun código QR, as persoas que visiten a mostra poderán acceder a unha serie de gravacións realizadas por distintas personalidades galegas do eido da cultura, do deporte ou da ciencia que prestan a súa voz a estes relatos infantís. Entre as máis de 50 colaboracións destacan nomes como o de Luis Zahera, Suso de Toro, Yolanda Castaño, Fernando Romay, Paula Carballeira ou Vero Boquete, entre outros.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e a directora da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña (UDC), Acacia Naves, asistiron á inauguración da exposición e ao acto previo de presentación que tivo lugar, este martes 24 de marzo, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, da man dosintegrantes da plataforma cidadá Ferrol con Palestina, Ana Santiago e Xosé Paz, e no que tamén participou o traumatólogo gazatí do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), Amir Ismail Hejazy. Ao longo do acto, tivo lugar a actuación de tres estudantes do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, Jacobo Nieto López (violonchelo), Paula Seoane Otero (piano) e Breogán Paz López (acordeón).
As persoas interesadas en visitar a mostra “HeART of Gaza” poderán achegarse ata a Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol, de luns a venres, de 09:00 a 21:00 horas. Aqueles centros educativos interesados en concertar unha visita guiada poderán faceloenviando un correo electrónico a ferrolconpalestina@gmail.com ou chamando ao 665 024 469.