Alumnado de primeiro curso do grao en Enfermaría e de terceiro do grao en Podoloxía cambiou este luns as aulas por unha camiñada polas rúas de Ferrol. O percorrido, co que se busca fomentar a actividade física e os hábitos de vida saudables, arrincou pola mañá no Campus Industrial de Ferrol e levou ás persoas participantes por distintos puntos da cidade departamental, entre eles, o Cantón de Molíns, o Porto de Curuxeiras, A Malata, o barrio de Canido ou a Praza de España.
Tamén se sumaron ao percorrido, o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso; a vicedecana de Organización Académica e Estudantes, Emma Rodríguez Maseda; a directora da Clínica Universitaria de Podoloxía, Raquel Veiga Seijo; a profesora Karina Pichel Gutiérrez e o profesor Sergio Pérez García, así como a vicepresidenta da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da UDC (AGEP UDC), Laura Sueiro Méndez.
Ao igual que en anos anteriores, esta iniciativa enmárcase dentro do programa de actividades do Outubro Saudable que promove a Universidade da Coruña (UDC), a través da UDC Saudable e en colaboración coa Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS).