A Facultade de Dereito da UDC organiza unha xornada co persoal de orientación de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior

Trátase dunha convocatoria para presentar a oferta formativa de grao da Universidade e informarase das datas e novidades das probas de acceso á Universidade (PAU) para o curso 2026-27.

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves,día 12 de febreiro, entre as 09:30 e as 13:30 horas, unha xornada informativa co persoal dos Departamentos de Orientación de centros de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior de toda Galicia. A reunión, que se desenvolverá en formato híbrido (coa asistencia dos representantes dos centros educativos de forma presencial ou virtual), inclúese dentro do Programa de Difusión da Oferta Académica dos Graos que se imparten na Universidade da Coruña (UDC).

O obxectivo deste encontro é dar a coñecer a oferta formativa de grao da UDC no vindeiro curso académico 2026-27, así como os seus centros e a vida universitaria. Tamén se informará sobre o calendario e as novidades das probas de acceso á universidade.

Na xornada participarán a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, María José Lombardía Cortiña; a delegada da UDC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), Elisa Beceiro González e a vicedecana de Estudantes, Ordenación Académica e Relacións Institucionaisda Facultade de Dereito, Ana Aba Catoira, xunto con estudantado da Asociación de Debate da UDC. 

Programa

A cita dará comezo ás 09:30 horas coa recepción ás persoas orientadoras dos centros de Bacharelato e FP, seguido da inauguración ás 10:00 por parte vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, quen realizará unha breve introdución ás campañas de divulgación e á vida universitaria da UDC para dar paso ao programa divulgativo, que incluirá tres charlas impartidas polo persoal da Universidade da Coruña. 

Na primeira delas, a delegada da UDC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), Elisa Beceiro, presentará a ampla oferta académica de grao da Universidade, con especial mención ás titulacións máis consolidadas e singulares. A continuación, a vicedecana de Estudantes, Ordenación Académica e Relacións Institucionais da Facultade de Dereito, Ana Aba Catoira, impartirá a charla “Como sobrevivir xuridicamente entre adolescentes”e xa ás 11:45 será de novo Elisa Beceiro quen informe o calendario e as novidades das Probas de Acceso á Universidade (PAU).

As intervencións durarán ata as 12:15 horas, momento no que está previsto a clausura do evento por María José Lombardía. Ao remate da xornada haberá unha simulación dun xuízo penal por parte do estudantado da Asociación Universitaria de Debate da Coruña (AUDC), na que se recrearán as posicións de defensa e de acusación dun proceso, así como a toma de decisións.

As persoas interesadas en inscribirse á xornada poden facelo a través desta ligazón.

Máis información aquí: https://udc.es/gl/futuros_estudantes/orientadores/

Comparte éste artículo
No hay comentarios