MJ Pérez sinala a precariedade a ritmo de merengue en “BINGO!”

O tema propón unha lectura crítica da idea de sorte a través dun universo visual entre o luxo aparente e a realidade precaria.

Descubre más noticias musicales como ésta

MJ Pérez vén de presentar “BINGO!”, o novo videoclip dun dos temas máis destacados do seu último traballo, Je tiens bon. Cunha sonoridade inesperada —un merengue luminoso e bailábel—, a canción funciona como contrapunto a un fondo marcado pola incerteza, a precariedade e a frustración vital.

En palabras da propia artista, trátase da peza máis “dicharacheira e graciosa” do disco, pero tamén dunha das máis fondas. A través do humor e da retranca, MJ Pérez aborda cuestións como a inestabilidade económica, a dificultade para vivir da creación (e non só) ou a sensación constante de estar facendo números para saír adiante. Unha contradición consciente entre forma e fondo: música alegre para falar de todo o contrario.

O tema, cantado en portugués, mestura influencias que van do merengue a ecos do fado nas progresións harmónicas, configurando unha combinación pouco habitual que reforza o carácter híbrido da peza. A produción corre a cargo de Peter Petrowski, cun equipo musical formado por AilénKendelman na percusión, Alberto Romero na guitarra e unha sección de ventos con arranxos de Richi Casás —quen tamén participa aos saxos— xunto a María Prado (trompeta) e Xiana Naval (trombón).

Esta mesma idea trasládase ao videoclip, que constrúe un paralelismo visual entre o universo do bingo —entendido como a ilusión de que algo externo pode cambiar a vida— e a realidade cotiá de quen intenta sosterse economicamente. A peza xoga coa imaxe da ostentación e o aparente luxo fronte a unha precariedade que se filtra en cada detalle, retratando personaxes que aparentan luxo mentres evidencian unha realidade fráxil e precaria.

O videoclip destaca tamén polo seu elenco, un dos principais valores da produción. Nel participan Ailén Kendelman e Areta Bolado —ex compoñentes de A Panadaría—, o actor Fran Paz (coñecido por traballos en series como Rapa) e Marta Gómez, que completa o reparto cun perfil máis vinculado ao ámbito do teatro afeccionado. A peza inclúe ademais a colaboración de Baia Fernández, recoñecida pola súa presenza nas redes, que protagoniza o tramo final cunha intervención, a frase recurrente coa que remata todos os seus vídeos, que conecta co universo simbólico da canción.

A nivel técnico, MJ Pérez asume a produción xeral da peza e tamén a dirección, a montaxe e a cor, reforzando o carácter autoral do proxecto. A dirección de fotografía corre a cargo de Iago Vilariño, mentres que Gustavo Dieste asina a dirección de arte. A caracterización está realizada pola propia Baia Fernández, nun equipo que completa unha produción coidada ao detalle e coherente coa proposta estética e narrativa do videoclip.

Lonxe de facer unha apoloxía do xogo, “BINGO!” cuestiona precisamente a idea de que a sorte poida resolver problemas estruturais. A canción fala de clase, de traballo e de frustración, pero tamén da necesidade de seguir creando a pesar de todo.

Este lanzamento chega nun momento especialmente significativo para a artista, tras ser seleccionada como finalista nos Premios aRi[t]mar 2025 co tema “Perdín a memoria”. A canción, incluída en Je tiens bon, opta a este recoñecemento que pon en valor a creación musical en galego e portugués a través dunha votación aberta ao público.

“BINGO!” insírese así dentro desta nova etapa artística que MJ Pérez vén de abrir con Je tiens bon, un disco que marca un punto de inflexión na súa traxectoria e que xa comezou o seu percorrido en directo tras a súa estrea na Festa do Queixo de Arzúa. A artista continúa agora ampliando a súa xira de presentación na Arca da Noe (18 de abril), na Sala Rebullón (25 de abril) e en Coruña (16 de abril, por anunciar), consolidando un directo centrado nas cancións e no vínculo co público.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios