A selección galega afeccionada estará por quinta vez, terceira consecutiva, na fase final do sector español da Copa das Rexións UEFA. A Irmandiña foi contundente e precisou pouco para adiantarse no primeiro cuarto de partido por medio de Lucas. No segundo tempo, Lombao e Cambón sentenciaron a eliminatoria e Galiza estará en Madrid xunto a Canarias, Navarra e o gañador do partido entre Cataluña e Aragón, que se xogará mañá (29/01/2026). Bellido, Noel Álvarez e Cadra estreáronse coa branco e celeste afeccionada.
Lucas y Noel marcan diferenza
O partido comezou con dous debuxos distintos e Asturias tomando a iniciativa no xogo desde o asubío inicial. Galiza tendeu a trampa, acomodouse a ese dominio asturiano e respondeu ao xogo asociativo con verticalidade. Os galegos demoraron un cuarto de hora en atopar máis precisión para desenvolver ataques de poucos segundos. Logo, o seu fútbol tivo máis efectividade e comezou as súas aproximacións desde unha distancia afastada a unha menor.
Aos vinte minutos, Lucas probou desde 35 metros ollando a Aless Domínguez adiantado. A pelota pasou perto da trabe. No 22 foi Noel, quen xutou cruzado desde o bico da área. A pelota pasou a rentes do pau.
A luz encendeuse no minuto 23, cando interviñeron sen intermediarios os dous finalizadores. Galiza montou unha contra rápida pola dereita, Noel mediu o centro ao corazón da área e alí apareceu Lucas para cruzar de cabeza á rede. O do Alondras facía o seu terceiro gol coa Irmandiña nesta temporada, segundo deles contabilizable.
Asturias non lle perdeu a cara ao partido e marcou por medio de Ekeneme no minuto 38. O colexiado invalidou a cabezada a instancias do asistente.
Galiza aproveita dous erros e pasa rolda
O segundo tempo comezou con Meana por Carlos, con molestias, no once asturiano. No tempo dos axustes, Galiza atopou espazo pola dereita. Noel chegou ao lateral da área e centrou ao punto de penalti, onde Cambón non puido precisar a cabezada. No minuto 49 foi Lombao, pola esquerda, pero a xogada diluíuse nos tres cuartos, sen que houbera pase e remate. Galiza comezaba a semellarse máis a un equipo que a unha selección.
No minuto 51, Achore alcanzou a liña de fondo, Mikel tocou o seu centro embeleñando o coiro e a pelota pasou por riba de Aless Domínguez, até o segundo pau, onde Sergio Ordóñez despexou, impedindo que Lombao empurrara á rede.
No 53 volveu ser Noel o protagonista. Sacou do camiño a Mikel cun drible, centrou en curto e Achore, entrando desde atrás, dirixiu a cabezada a un palmo do pau.
Galiza tardou en atacar de novo. Mentres, controlou o partido cun fútbol posicional e no minuto 61 aproveitou un erro no pase de Mikel. Lombao interceptou perto da media lúa, fintou aos centrais nun avance curto e xutou á rede, evitando a estirada de Aless Domínguez.
O partido sentenciouno Cambón aproveitando outro erro visitante. O meta non mediu a saída para despexar e o punta do Somozas só tivo que acomodar o corpo ao bote da pelota para marcar desde a frontal facilmente.
A última parte, xunto con algunha ocasión máis de Galiza, deixou un fútbol menos intenso. Manolo García deixou para esa fase de partido a maior parte das súas substitucións. Noel Álvarez e Cadra estreáronse, o mesmo que Bellido, que actou os 90 minutos.
Ficha
MÉRCORES 28/01/2026 (18,00) Campo: A MALATA (Ferrol) (500)
GALIZA : 3 – ASTURIAS : 0 (1‑0)
GAL : Atib; Achore (Cadra 89’), Carabán, Dopico, Bellido; Noel (Óscar López 89’), Brais Vidal, Lucas (Noel Álvarez 75’), Make (Diego 75’), Lombao (Rachu 84’); Cambón (Adrián 84’). Sel. Manolo García. (Banco: Andrés (g)).
AST : Aless Domínguez; Sergio Ordóñez, Carlos (Meana D), Ekeneme, Mikel; Mateo, Nistal (Canal 59’), Álex Solís (Jorge Argüelles 67’); Armayor (Aitor Rubio 67’), Monasterio (Palacio 59’), Layman (Galo 79’). Sel. Clemente Sánchez. (Banco: Enol Ordóñez (g)).
Goles: 1-0 Lucas 23’; 2-0 Lombao 64’; 3-0 Cambón 67’.
Árbitro: Martínez Fernández (Galiza-Vigo). Auxiliares: González Lamas e Vilavedra Rodríguez. 4º árb.: Arredondas Fernández.
Disciplina: Non houbo.
Foto: Galiza pasou por riba de Asturias. © 21noticias.com