‘Música e pinceis’: un concerto debuxado que une música de cámara e debuxo urbano en Vigo

O Auditorio da Fundación Mayeusis acollerá o evento o sábado 31 de xaneiro ás 19h.

O vindeiro sábado, 31 de xaneiro, ás 19:00 horas, o auditorio da Fundación Mayeusis (Areal, 138 – Vigo) acollerá unha proposta artística tan singular como suxestiva: “Música e pinceis”, un concerto debuxado no que música e ilustración se atopan en directo.

Para esta ocasión especial, Mayeusis abrirá as súas portas fóra do seu horario habitual, reafirmando así o seu compromiso coa creación contemporánea e co diálogo entre distintas disciplinas artísticas.

A cita correrá a cargo do trío Cámara d’Ría, formado por Fani F. Agulla (frauta travesa), Magui M. Muñiz (clarinete) e Ernesto Campos (guitarra), que interpretarán nun formato de música de cámara unha selección de temas tradicionais galegos, adaptados polo propio grupo.

A particularidade do concerto reside en que o público asistente poderá —se así o desexa— debuxar en directo aos músicos mentres interpretan o repertorio, convertendo o auditorio nun espazo compartido de creación sonora e visual.

A entrada é libre ata completar aforo.

Esta proposta nace da implicación de Magui M. Muñiz e Ernesto Campos no movemento internacional Urban Sketchers (USK), do que Vigo é cidade oficial desde o pasado ano, así como da súa condición de mestres no Conservatorio Mayeusis, entidade que acolle o evento.

Deste xeito, xorde a idea de reunir nun mesmo acto música e debuxo, coa colaboración de USK Vigo. Un número limitado de debuxantes do colectivo poderá situarse no propio escenario xunto aos intérpretes, mentres que o resto do público —tanto debuxantes como persoas que prefiran simplemente escoitar o concerto— ocupará as butacas do auditorio. A asistencia non require, en ningún caso, participar na parte gráfica.

DATOS DO EVENTO:
● Música e Pinceis – Concerto debuxado.
● Data e hora: Sábado 31 de xaneiro ás 19:00 h.
● Lugar de celebración: Auditorio da Fundación Mayeusis (Areal 138, Vigo).
● Tipo de entrada: Entrada libre ata completar aforo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios