Durante un debate sobre a revisión da Directiva de Servizos de Medios Audiovisuais, a eurodeputada Ana Miranda alertou ante a Vicepresidenta da Comisión Europea, Henna Virkkunen, que “a democracia está en xogo” por mor das violacións continuas e prolongadas durante anos á liberdade informativa nos medios públicos en Galiza.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia, durante unha debate no Pleno do Parlamento Europeo, que o “pluralismo informativo nos medios de comunicación públicos en Galiza é violado” constantemente en favor dos intereses partidistas do Partido Popular.
Ana Miranda presentou no debate sobre a Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais a situación única que viven a TVG e a Radio Galega, baixo control absoluto do Goberno do Sr. Rueda e antes do Sr. Feijóo. Esta falta de independencia fai que os medios públicos galegos vulneren o Regulamento Europeo sobre a Liberdade nos Medios de Comunicación, por exemplo o artigo 5 ao respecto da pluralidade de informacións e opinións.
“O Comité Intercentros da propia Televisión de Galiza vén de denunciar que durante a última folga xeral foi imposible que a audiencia vise imaxes na televisión pública galega sobre o alcance das manifestación, ou testemuñas imparciais dos motivos para secundar a protesta. É só un exemplo máis dun control férreo da información por parte do Partido Popular”, denuncia Ana Miranda.
A eurodeputada do BNG solicitou á Comisión Europea, concretamente á vicepresidenta executiva encargada da Soberanía Tecnolóxica e a Democracia, Henna Virkkunen, presente no debate na Eurocámara, que vixíen o cumprimento das normas europeas porque en Galiza a democracia está en xogo”. No seu artigo 5, o Regulamento Europeo sobre a Liberdade nos Medios de Comunicación tamén esixe “respectar o dereito a acceder a unha pluralidade de contidos de medios de comunicación editorialmente independente”.
Como expuxo Ana Miranda diante do Pleno do Parlamento Europeo estas normas europeas non se cumpren, xa que na TVG hai presentadores que “menten sobre a presenza dos partidos da oposición en actos públicos”, como acontece co BNG, mentres “silencian o traballo de eurodeputados que non son do Partido Popular”.
“No meu país, Galiza, a TVG é coñecida como TelePP. É un caso único e histórico en toda Europa, onde as e os traballadores levan preto de 450 semanas de protestas e denuncias contra as inxerencias políticas na TVG e na Radio Galego e ante a falta de imparcialidade”, destacou no Pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo, Ana Miranda.
PP e Vox amparan a manipulación na TVG
As reivindicacións dos traballadores da CRTVG teñen sido silenciadas até en seis ocasións pola maioría do Partido Popular xunto á extrema dereita no Comité de Petición do Parlamento Europeo, onde as denuncias do Comité de Empresa dos Traballadores da CRTVG foron vetadas para a súa discusión.
“O que vemos continuamente no PP e non seus socios de Vox é un dobre criterio. Veñen de estar vetando a medios públicos no Estado español, mesmo acusándoos de seren televisións norcoreanas, mentres no Parlamento Europeo dun xeito autoritario silencian as criticas contra a manipulación informativo e o control absoluto da TVG”, critica a eurodeputada do BNG.
Ana Miranda trasladou en varias preguntas á Comisión Europea o control que exerce o Goberno do PP na antiga CTVG. Malia ás denuncias e a que a Comisión recoñeceu en 2024, en resposta á eurodeputada do BNG, que o Regulamento europeo sobre a Liberdade nos Medios de Comunicación “introduce salvagardas para garantir o funcionamento independente” dos medios como servizo público, a parcialidade, o control informativo, a falta de pluralismo ou a externalización na produción de contidos segue a empeorar na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza, CSAG.