Katy Varela: “José Tomé escolleu unha estratexia baseada no menosprezo, nas ofensas persoais e na comparación interesada con etapas pasadas, eludindo o debate de fondo ao carecer de razón algunha para defender e argumentar a súa postura”.
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte lamentan profundamente a actitude de José Tomé, “quen foi incapaz de xustificar con argumentos sólidos e obxectivos a súa decisión de subirse o soldo ata o máximo permitido” no Concello, optando no seu lugar pola descualificación persoal á voceira do Grupo Popular, Katy Varela.
Precisamente, Katy Varela sinala que “resulta especialmente grave que o alcalde evite explicar por que considera xustificado que o Concello de Monforte soporte na actualidade dous soldos equiparables ao dun alcalde”, en referencia a que xa existe unha dedicación exclusiva cun custo de case 58.000€ anuais,correspondente á tenente de alcalde, e que agora se decide aprobar unha terceira dedicación exclusiva co máximo permitido, a súa. “Non foi capaz de dar explicación algunha nin dunha xustificación clara do beneficio para a veciñanza”, criticou.
A voceira popular lamenta que “non houbo nin unha razón política ou de xestión” para avalar este incremento do gasto. “José Tomé escolleu unha estratexia baseada no menosprezo, nas ofensas persoais e na comparación interesada con etapas pasadas e con outros municipios da contorna, eludindo así o debate de fondo ao carecer de razón algunha para defender e argumentar a súa postura”, sinalou.
Katy Varela considera que “non é nin ético nin elegante” que o alcalde mencione a persoas que non están presentes para defenderse. “É a primeira vez na historia de Monforte que un alcalde é apartado do seu partido e dos seus cargos por mor dunha denuncia dun presunto delito de acoso sexual, nun contexto tan delicado, resulta inapropiado que o PSOE apoie a aprobación da dedicación exclusiva do alcalde”, denunciou.
Unha situación que chega porque “Tomé segue negándose a dimitir, algo que debería de ter feito pola limpeza e a imaxe do Concello de Monforte”.
En relación á subida das asistencias aos órganos colexiados dos concelleiros, “tamén lamentamos que a única xustificación ofrecida por Tomé volva ser a comparación con outros concellos limítrofes, municipios nos non se dá unha situación semellante á de Monforte, cun alcalde afastado do seu partido e dos seus cargos por unha denuncia dun presunto delito de acoso sexual”.