Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan a programación de Entroido do 2026, que contará con 17 actividades

O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron esta mañá a programación do Entroido 2026, que inclúe 17 actividades destinadas a todos os públicos. Ferreiro destacou que «o obxectivo é seguir facendo do Entroido unha festa participativa e accesible para toda a veciñanza, mantendo as nosas tradicións vivas e introducindo novas propostas que xa demostraron ser un éxito en anos anteriores.»

A programación comezará o xoves 5, coa inauguración da exposición “Personaxes do Entroido Galego” de C. Padín no Vello Cárcere. A mostra poderá visitarse ata o 30 de marzo, e conta con máis de 100 obras que amosa as personaxes máis características do entroido galego.

O xoves 12 o Mercado Municipal acollerá a «Cé Orquestra Pantasma” a partir das 17:30h, como antesala ao inicio da celebración que terá lugar o venres 13 co pregón ás 20:00 na praza Maior, e que estará animado pola agrupación Condensadores de Fluzo. Posteriormente, Bloco Meigallo animará as rúas do casco histórico, a partir das 21:30.

A fin de semana de Entroido comezará o sábado 14 con “AUCHH!” de Abraham Arzate na praza Maior, a partir das 12:30, e pola tarde co desfile infanti (17h), que contará coa animación da Tambukda e “Malabarabilidades» a cargo de Fran Boza. A partir das 20:30, a Tambukda animará as rúas do casco histórico. O domingo 15 pola mañá a praza Maior acollerá o espectáculo “Frikis” de Mundo Costrini a partir das 12:30 e pola tarde, a partir das 18h celebrarase a Gala de circo Introitus, coas actuacións de Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda.

O luns 16 a xornada comezará ás 12:30 co espectáculo “Máximo Óptimo” de Máximo na praza Maior. Pola tarde o Dúo Laos representará «Otros Aires» a partir das 18h na praza Maior e a partir das 21:30 a animación de rúa continuará no casco histórico coa actuación do Bloco Meigallo.

O Martes de Entroido contará con Brais das Hortas e o seu espectáculo “Consertasso na horta” a partir das 12:30 na praza Maior, e pola tarde será a quenda do desfile de disfraces para persoas adultas, a partir das 17h, coa actuación de Tambukda e Carta de ajuste.

A xornada de peche do entroido, o mércores 18 de febreiro, será a quenda de Arturo Cobas co seu espectáculo “O mundo de Nono”. Pola tarde, as actividades continuarán ás 17:30 cun Concerto de Banda e Coro infantil da banda Filharmónica de Lugo, e o entroido pechará a partir das 20:00 co Enterro da Sardiña e o concurso de ferretes. A actividade sairá do Círculo das Artes e conta coa colaboración de Estoupacaldeiros e as actuacións de Orquesta Terra Nova e Orfeón Xoan Montes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios