CCOO do Hábitat quere trasladar o seu máis sentido pésame ás familias e persoas achegadas dos dous traballadores falecidos no grave accidente laboral ocorrido este martes na A-8, ao seu paso polo concello de Guitiriz. Así mesmo, manifesta todo o seu apoio ás persoas feridas e á totalidade da plantilla da empresa.
Os feitos produxéronse ás 14:04 horas, no punto quilométrico 587 da A-8 en dirección Asturias, cando un camión grúa que transportaba dous vehículos colidiu contra unha furgoneta de mantemento que se atopaba estacionada mentres se realizaban traballos na vía. Como consecuencia do impacto, a furgoneta saíu despedida e atropelou a catro operarios que traballaban na zona, provocando dúas vítimas mortais e dous feridos.
Dende o sindicato, e en vista da gravidade dos feitos, CCOO do Hábitat salienta que os traballos de mantemento estaban a realizarse en situación de alerta amarela, cando tanto o Convenio da Construción como o protocolo elaborado para condicións meteorolóxicas adversas o prohiben expresamente. Neste sentido, a central sindical solicitará a comprobación de que ningún persoal de mantemento realice ningún tipo de traballo mentres sigan activas as alertas meteorolóxicas.
«Non se pode normalizar que as persoas perdan a vida mentres traballan, e menos aínda en condicións de risco coñecidas. A seguridade laboral debe ser unha prioridade absoluta, especialmente nos traballos en estrada, onde a exposición ao perigo é máxima», subliña Alejandra Gesto Montes, Secretaria Xeral de CCOO do Hábitat Galicia.
Por todo isto, CCOO do Hábitat anuncia que vai esixir que se investigue a fondo o sucedido, interpoñendo denuncia ante a Inspección de Traballo, que se depuren todas as responsabilidades e que se revisen os protocolos de prevención e seguridade para evitar que feitos tan tráxicos coma este volvan a repetirse.