Fer López marca un golazo no seu retorno e o Celta empata en Belgrado

Fer López, polo golazo, e Javi Rueda, pola súa capacidade de gañar case sempre as accións ofensivas na banda dereita, foron os nomes propios do derradeiro partido da fase de grupos da Liga Europa, que clasificou a Crvena Zvezda e ao Celta no límite dos mellores que xogarán a eliminatoria intermedia.
Serbios e galegos igualaron a un tanto. Fer López, no seu primeiro partido logo do retorno de Wolverhampton, adiantou ao Celta no 87 e Bruno Duarte, no 89, igualou para os locais, a quen o colexiado anulou dous goles anotados nos primeiros 18 minutos de partido. Borja Iglesias tamén mandou un xute ao pau no primeiro tempo.

Javi Rodríguez e Borja Iglesias andan no límite

O Celta foi quen de aguantar a presión serbia dos primeiros minutos, que incluso marcou un gol, invalidado polo árbitro a Arnautović. Katai empurrou a Javi Rodríguez nas costas, o que lle facilitou quedarse co balón para servir un gol fácil ao seu compañeiro de ataque.
O conxunto olívico estirouse un pouco e no minuto trece, nun xute arriba de Borja Iglesias, Matheus debeu sacar o brazo para desviar a córner. Javi Rueda provocara a superioridade polo lado dereito cun drible.
Cinco máis tarde actuou de novo o VAR. Outra vez Arnautović, ao límite do fóra de xogo, fíxose cun balón longo na loita con Marcos Alonso. O punta achegouse a Radu e bateuno por alto. Non celebrou á espera de que a tecnoloxía trazara as liñas e fixo ben porque por milímetros estaba algo máis adiantado que Javi Domínguez, afastado del na banda dereita galega.
O Celta tamén puido adiantarse aos 27 minutos nunha colada de Javi Rueda pola dereita. Gañou a área ao fuxir de Tiknizyan, atopou fácil o pase atrás para Borja Iglesias e o santiagués abriu o disparo para afastar o coiro da estirada de Matheus. O pau rexeitou e Moriba, molestado por un rival, xutou como puido ante un meta que xa estaba erguido para chapar. O VAR descartou o penalti sobre o xogador formado no Barcelona.
O Celta puido desactivar a verticalidade do Crvena Zvezda nos seguintes minutos. O xogo tivo máis duelos e da intensidade dos mesmos saíron cartóns para Miguel e Krunić.
Na parte final do período, a boa presión do Celta dificultou algunha saída asociativa dos locais desde a defensa.

Un final impredecible

O Celta puido anotar aos catro minutos do segundo tempo logo dun pase para Javi Rueda. O seu control orientado proxectouno cara á area local, pero errou por pouco no pase para Borja Iglesias. Matheus saíra a tapar e o compostelán debeu lanzarse ao chan para tocar o balón sen puntería porque o balón foille uns centímetros adiantado.
O Crvena Zvezda estaba desaxustado. Dejan Stanković viuse obrigado a substituír a Tiknizyan aos cinco minutos. No descanso, tamén quedara na caseta o inoperante Kostov. Superada a hora, Giráldez tamén comezou a facer modificacións no seu once.
Os serbios recuperaran a posesión e o cadro galego, xa sen Borja Iglesias nin Iago Aspas, xogaba en repregamento intensivo. Fer López foi unha das incorporacións, volvendo a xogar cos de Vigo medio ano despois de marchar ao Wolverhampton.
Na recta final do encontro entrouse cun disparo afastado de Lučić que pasou perto da trabe.
Entre a derradeira dobre substitución serbia e a derradeira galega, antes de marchar, Javi Rueda deixou outra pinga como xogador máis desequilibrante do xogo. Marchou do seu marcador, entrou na área e puxo un pase paralelo á liña de gol que non dá para explicar como Jutglà non foi quen de empurralo á rede para adiantar ao Celta.
Jutglà tivo máis fortuna na seguinte acción, aos 87 minutos. Forzou unha acción persoal até a liña de fondo, dentro da área, pero malia que non lle saíu o último drible, viu como o despexe de Rodrigão caeu nos pés de Fer López, que cun golpeo co exterior de fóra a dentro, tendo como referencia o pau, cruzou lonxe da estirada de Matheus.
A ledicia durou dous minutos. No 89, Bruno Duarte gañou o desmarque na loita posicional con Marcos Alonso, púxose diante de Radu e superouno con sutileza.
O Crvena Zvezda insistiu con máis ataques durante os cinco minutos de prolongamento, pero no foi quen de mover o empate. O conxunto serbio remata décimo quinto e o Celta décimo sexto, no límite dos mellores de cara a afrontar a eliminatoria intermedia na que os equipos loitarán polo pase aos oitavos de final.

O sorteo e os rivais

O Celta, como cabeza de serie da eliminatoria intermedia, xogará en Balaídos o partido de volta da mesma. O sorteo será este venres (30/01/2026) e nel saberá se vai a Francia ou a Grecia para xogar o 19 de febreiro contra o Lille ou o P.A.O.K. Ambos equipos foron derrotados polos galegos na fase de grupos en Balaídos. O encontro de volta será o 26 de febreiro en Galiza.
Despois, se o Celta pasara a eliminatoria, xogaría en Balaídos a ida dos oitavos de final contra o Aston Villa ou o Lyonnais e a volta en Birmingham ou en Lión.

Ficha

XOVES 29/01/2026 (21,00) Campo: RAJKO MITIĆ (Belgrado-Serbia) (35.721)
F.K. CRVENA ZVEZDA : 1 – R.C. CELTA : 1 (0‑0)

CRV : Matheus; Seol, Rodrigão, Veljković, Tiknizyan (Avdić 50’); Kostov (Lučić D), Elšnik, Krunić, Stanković (Felício Milson 79’); Katai (Radonjić 61’), Arnautović (Bruno Duarte 79’). Tre. Dejan Stanković. (Banco: Glazer (g); Guteša (g); Bajo; Tomas Händel; Leković; Zarić; Gudelj).
CTA : Radu; Javi Rodríguez, Yoel (Ristić 82’), Marcos Alonso; Javi Rueda (Mingueza 82’), Miguel, Moriba, Sergio; Iago Aspas (Fer López 62’), Borja Iglesias (Jutglà 62’), Hugo Álvarez (Bryan 69’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Carlos Domínguez; Antañón; Burcio; Cervi; El-Abdellaoui; Pablo Durán).
Goles: 0-1 Fer López 87’; 1-1 Bruno Duarte 89’.
Árbitro: Colombo (Italia). Auxiliares: Berti e Imperiale. 4º árb.: Collu.
VAR: Marini. AVAR: Doveri.
Disciplina: CA: Miguel 34’; Krunić 42’; Lučić 73’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios