O PP reclama ao Goberno unha nova praza xudicial para o Tribunal de Instancia de Sarria

Os senadores populares “non comparten” esta decisión do Ministerio, de deixar a Sarria fóra das 500 novas unidades xudiciais anunciadas, mesma situación que Viveiro, polo que queren saber os motivos polos que se tomou esta decisión.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- xunto á voceira de xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo, veñen de rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixida ao Goberno para reclamar a creación dunha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Sarria, ante a importante sobrecarga de traballo que sofre este órgano xudicial.

O 26 de xaneiro de 2026 o ministro de Xustiza anunciou a creación de 500 novas unidades xudiciais en todo o territorio estatal, pero ningunha destas prazas foi asignada ao Tribunal de Instancia de Sarria. “Pese á elevada carga de traballo que asume este xulgado e pese ao número de veciños da comarca aos que presta atención, no Ministerio non tiveron en conta asignar ningunha nova unidade xudicial a Sarria”, lamentaron.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, que formularon estainiciativa parlamentaria a instancias do Grupo Municipal Popular de Sarria, cuxa voceira é Carmen José López, cualifican de “inxustificada” esta decisión porque supón un novo prexuízo para os cidadáns e para os profesionais da xustiza, ademais de provocar demoras nos procedementos e un empeoramento da calidade do servizo público xudicial.

As preguntas rexistradas polos senadores populares ao Goberno, para a súa contestación por escrito, son:

– Ten previsto o Goberno crear unha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Sarria?

– No caso de que a resposta sexa negativa, que razóns xustifican a non creación desta nova unidade?

Os representantes do PP de Lugo no Senado insisten en que contar cos recursos humanos e materiais necesarios nos xulgados resulta imprescindible para asegurar unha xustiza máis áxil, eficiente e próxima á cidadanía.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios