Arias felicítase de que o concello de Lugo asuma por fin a súa responsabilidade e arranxe o estacionamento do campo das Gándaras

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lamenta que o Concello de Lugo rexeite a axuda do Goberno autonómico para cofinanciar a mellora do aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras. Un ofrecemento que, segundo explica, responde ao compromiso adquirido coas familias dos clubes deportivos que fan uso deste espazo ao longo de todo o ano e que están a sufrir as molestias derivadas do seu mal estado.

Arias lembra que os usuarios do aparcadoiro veñen reclamando “dende hai demasiado tempo” o seu arranxo, polo que “non deixa de ser unha boa nova que o goberno local se poña por fin as pilas e asuma a súa responsabilidade para levar a cabo unha actuación urxente e tan necesaria”.

En canto ás declaracións do concelleiro de Xuventude e Deportes asegurando que dende a Xunta non se moveu un dedo no tocante a este proxecto, o delegado asegura que o Goberno galego “colaborou activamente nas investigacións para definir quen tiña a competencia sobre o terreo, que era o punto de partida”.

Para Arias, resulta “paradóxico” que dende o Concello se esixise inicialmente á Xunta a mellora do aparcadoiro “e unha vez conseguimos aclarar que o terreo é propiedade do Ministerio de Defensa e, aínda así, nos ofrecemos a cofinanciar os traballos, agora rexeiten a colaboración e por riba digan que non fixemos nada neste asunto. Creo que está claro quen actúa de cara á galería e quen non”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios