Entidades ecoloxistas promoven a inclusión do salmón atlántico no Catálogo de Especies Ameazadas como «en perigo de extinción»

ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, a FEG e a SGHN subliñan a crítica situación das poboacións de salmón atlántico en Galiza e a urxente necesidade de medidas de protección e recuperación.

ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, FEG (Federación Ecoloxista Galega) e SGHN(Sociedade Galega de Historia Natural) veñen de solicitar á D. X. de Patrimonio Natural (Consellaría de Medio Ambiente) a inclusión do salmón atlántico (Salmo salar L.) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

O salmón atlántico representa en Galiza o límite meridional da especie na Europa continental, e a súa poboación sufriu un drástico declive ao longo dos séculos XX e XXI. Varios estudos e censos recentes amosan un descenso continuado das poboacións de salmón de Galiza, tanto no número de capturas como na distribución dos ríos ocupados.

Segundo o Atlas do salmón atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións de Salmo salar en Galiza diminuíron máis dun 80 % desde a década de 1970, e o número de ríos con poboacións reprodutoras pasou de máis de 20 sistemas fluviais históricos a menos de 8 na actualidade, ficando, ademais, illadas por bacías, o que impide un fluxo xenético eficaz. Moitos ríos que antes eran salmoneiros (Eume, Tambre, Sor, etc.) perderon por completo as súas poboacións, e nos que aínda persisten, como o Ulla, apenas se contabilizan 50 individuos reprodutores (eran miles hai só unhas décadas), moi por baixo do límite para garantir a viabilidade da poboación.

Estudos recentes prevén un descenso adicional do 30–50% nas poboacións de salmón do sur de Europa debido ao aumento da temperatura e aos cambios na produtividade mariña. Ademais, a continua degradación do hábitat fluvial e mariño (mudanza climática, verteduras, minaría…) e as barreiras á migración sen unha restauración suficiente (presas e azudes obsoletos, centrais hidroeléctricas) empeoran este prognóstico. 

Para reverter esta situación, faise necesario recoñecer o estado crítico das poboacións de salmón galegas tanto pola súa reducida abundancia como pola velocidade do seu declive, e declarar a especie como “En perigo de extinción” para, deste xeito, desenvolver con urxencia un plano de recuperación con medidas para reverter esta situación. 

O salmón atlántico é un tesouro da nosa natureza, unha especie única que estamos a piques de perder debido ao maltrato dos ríos e océanos e a unha ineficaz xestión. O noso deber e o das administracións competentes é protexelo para preservar este patrimonio único. 

Colectivos asinantes: 

ADEGA 

AEMS – Ríos con Vida 

FEG (Federación Ecoloxista Galega) 

SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural).



Comparte éste artículo
No hay comentarios