O BNG esixe rexeitar a terminal de betume no Porto de Vilagarcía

Néstor Rego: “Debe prevalecer a protección da biodiversidade, da capacidade produtiva da ría de Arousa e da saúde pública”.

O Bloque Nacionalista Galego avanza a presentación de iniciativas nas distintas administracións para frear o proxecto dunha nova terminal de almacenamento de betume no Porto de Vilagarcía de Arousa, promovido por BetunesGallegos SLU, ao considerar que supón un grave risco ambiental, sanitario e económico para a ría de Arousa e para a veciñanza do conxunto da comarcal do Salnés.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado deron conta das iniciativas rexistradas e reclamaron a paralización do proxecto aplicando o principio de precaución após unha reunión con representantes da Plataforma en Defensa da Ría de Aroua (PDRA), acompañados por Liso González,  portavoz  no cogoberno de Cambados, Xoan Castaño, alcalde de Catoira,  Xabier Rodríguez, portavoz en Vilagarcía, Rosa Abuín concelleira en Vilagarcía e Anselmo Noia, portavoz en Ogrobe .

O proxecto prevé a instalación de dúas plantas de almacenamento cun volume total de arredor de 300.000 metros cúbicos anuais de betume e aceite térmico, unha substancia altamente contaminante derivada do refinamento do petróleo. O BNG denuncia que a empresa promotora está a fragmentar artificialmente o proxecto para eludir unha avaliación ambiental ordinaria, sometendo só unha parte a un trámite simplificado e deixando outra directamente fóra de calquera avaliación.

Intervención de Portos do Estado ante a fragmentación

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de iniciativas dirixidas ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel para exixir unha intervención clara de Portos do Estado, dada a condición do Porto de Vilagarcía como porto de interese xeral.

Rego reclama que Portos do Estado asuma as súas competencias legais, emita un informe vinculante previo sobre o proxecto —obrigatorio ao superar amplamente os 3 millóns de euros de investimento— e teña en conta a totalidade da instalación, incluído o transporte marítimo de 90% do betume previsto.

“O Goberno do Estado non pode mirar cara a outro lado ante un proxecto cun orzamento de máis de 21 millóns de euros, cun risco evidente de contaminación mariña e cun impacto directo sobre unha ría estratéxica para Galiza” afirma Rego, que tamén demanda que se rexeite a localización na ría de Arousa e se busquen alternativas con menor afección ambiental e social.

Unha Xunta de Galiza ao servizo dos poderosos

Pola súa parte, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, criticaduramente a actuación da Xunta da Galiza por declarar este proxecto como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE). Prado exixe á Xunta de Galiza “retirar esa consideración, paralizar a tramitación actual e unha avaliación de impacto ambiental ordinaria e conxunta, que inclúa non só as instalacións de almacenamento, senón tamén o transporte marítimo e terrestre, os riscos de vertidos, a presenza de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) e as consecuencias para a saúde das persoas traballadoras do porto e da poboación próxima.

“É inadmisíbel que a Xunta ampare un proxecto que se pretende implantar na ría de Arousa sen avaliar os riscos reais para a biodiversidade, o marisqueo e a saúde pública”, sinala Prado, advertindo que o procedemento actual “vulnera a lexislación ambiental e ignora a realidade dun ecosistema especialmente sensíbel”.

“Estamos a falar dunha actividade con riscos evidentes de vertidos, emisións contaminantes e impactos directos sobre a ría e sobre os barrios máis próximos ao porto” afirma o voceiro subliñando que “non se pode sacrificar a saúde das persoas nin o futuro económico da Ría por intereses privados”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios