O BNG denuncia a suspensión do transporte ferroviario en Vigo sen alternativa e esixe explicacións ao Goberno

Néstor Rego reclama previsión e planificación ante alertas meteorolóxicas anunciadas con antelación para evitar a paralización total do servizo ferroviario.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a suspensión total e indefinida de todos os servizos ferroviarios con orixe e destino Vigo —Alta Velocidade, Media e Longa Distancia— decidida por Renfe e Adif na mañá da quinta feira, 5 de febreiro. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, recrimina que esta é unha decisión adoptada sen habilitar ningún tipo de transporte alternativo por estrada e que deixou sen posibilidade de mobilidade  millares de persoas usuarias.

Ás 6:42 horas da mañá, Adif e Renfe anunciaron a través das redes sociais a cancelación de todos os trens con orixe e destino Vigo alegando as condicións meteorolóxicas derivadas do paso da borrasca Leonardo e a alerta marela decretada en Pontevedra. A propia Renfe recoñeceu que a suspensión se realizaba sen ofrecer medios alternativos, a pesar de que as previsións meteorolóxicas adversas estaban anunciadas desde hai días pola AEMET.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que “a prudencia ante fenómenos meteorolóxicos adversos é necesaria, mais o que non é aceptábel é a improvisación e a absoluta falta de previsión que deixa tiradas millares de persoas sen ningunha alternativa para chegaren ao seu destino”. Para o deputado nacionalista, “non se pode informar dunha decisión desta magnitude a primeira hora da mañá cando xa había millares de persoas con viaxes programadas, especialmente cando a situación meteorolóxica era coñecida con antelación”.

A suspensión afecta a todos os servizos de Alta Velocidade, Media e Longa Distancia que conectan Vigo con Santiago, Ourense, Tui e coa meseta, así como ao servizo Vigo-Barcelona, que pasou a prestarse desde Ourense. Ademais, Renfe advertiu de posíbeisincidencias nas conexións ferroviarias entre Santiago e A Coruña, agravando aínda máis a situación de colapso e incerteza para as persoas usuarias do tren na Galiza.

O BNG denuncia que esta decisión evidencia unha xestión deficiente por parte de Renfe e Adif e unha falta de compromiso do Goberno do Estado co dereito á mobilidade da cidadanía galega. Néstor Rego subliña que “cando existen alertas meteorolóxicas anunciadas con varios días de antelación, é obrigación das empresas públicas planificar respostas alternativas que garantan a continuidade do servizo sempre que sexa seguro, e non limitarse a cancelar todos os trens sen máis”.

Néstor Rego reclama ao Goberno recoñecer que a información ás persoas usuarias foi tardía e claramente insuficiente, actuar con maior previsión e planificación ante episodios meteorolóxicos adversos e activar con antelación plans alternativos de transporte por estrada para evitar deixar sen servizo millares de persoas. A formación nacionalista exixe tamén que se fagan públicos e se revisen os protocolos de Renfe para situacións de alerta meteorolóxica, de xeito que se priorice a anticipación, a información clara e a protección dos dereitos da cidadanía.

“O ocorrido en Vigo é unha mostra máis do desleixo cos servizos ferroviarios na Galiza e do trato discriminatorio que sofre o noso país en materia de infraestruturas e servizos públicos” sentenza Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios