Dous erros de centrais sentencian ao Celta ante o Osasuna

O Celta, que non gaña desde o 3-0 ao Rayo Vallecano, perdeu en Balaídos ante o Osasuna nun partido no que mereceu mellor sorte. Osasuna marchou ao descanso cun gol de Budimir logo dun primeiro tempo dominado polos galegos. No segundo, malia o rápido empate de Borja Iglesias, anotando o seu terceiro penalti no torneo, os navarros adiantáronse por segunda e definitiva vez noutro erro de Marcos Alonso, que acabou aproveitando Raúl García.

Celta, máis chegada; Osasuna, máis acerto

Comezou o partido con dominio celeste e dúas pisadas de área polo carril do 8 nos primeiros cinco minutos. A primeira derivou nun saque de esquina, que non tivo consecuencias, e a segunda, nun disparo de Javi Rodríguez a rentes da trabe.
Pouco despois, logo dun roubo perto da divisoria, Borja Iglesias non mediu o pase a Hugo Álvarez, que xa estaba facendo a superioridade para encarar a Sergio Herrera.
Eles dous tiveron oportunidade de medir forzas ao cuarto de hora. O local desmarcou para recibir o servizo de Fer López, xutou cruzado e Herrera estirou a perna para desviar.
No minuto 21, logo de Marcos Alonso desbaratara unha chegada osasunista á área, o Celta montou a contra con tres homes. Fer López deu recorrido para Javi Rueda, que centrou ao punto de penalti. Borja Iglesias voleou moi desviado.
O Osasuna foi acomodándose mellor ao partido e, malia o infortunio da lesión de Boyomo, adiantouse aos 35 minutos nun centro de Moro, mudado de banda, ao que Budimir, adiantándose a Starfelt, meteulle unha cabezada cruzada para que o coiro viaxara até o fondo da portería de Radu.
O cadro navarro mantivo a vantaxe cando o colexiado pitou o descanso, aínda que levando un amarelo para Rubén García, na derradeira das numerosas faltas encarnadas do período inicial.

Outro despiste defensivo mata ao Celta

Aos dous minutos do segundo tempo, un disparo de Borja Iglesias desde a frontal foi desviado poe Catena co brazo. A intensa saraibada demorou o lanzamento, o que aproveitou Munuera Montero para revisalo no monitor e confirmar a infracción. Catro minutos despois, o santiagués lanzou, enganou a Herrera e desfixo a inxustiza do marcador.
Malia apañar o empate, o Osasuna mellorou no segundo tempo. Pasou a ter a posición con Iker Muñoz mudado ao interior, obrigando ao repregarse ao Celta. Os galegos puideron virar á contra. Borja Iglesias conduciu pola dereita, mudou a orientación perto da área e Javi Rueda abriu demasiado o xute cruzado.
Giraldez fixo as primeiras substitucións e mellorou ao grupo Swedberg case marca nunha individual que desviou Herrera e, logo do córner, Moriba xutou perto da trabe.
O Osasuna volveuse adiantar nunha acción defensiva lenta de Marcos Alonso. Confiouse nun centro desde a esquerda, Catena tocou de cabeza e, no segundo pau, Rubén García meteu a perna para impulsar o 1-2.
Giráldez gastou a derradeira xanela para meter a El-Abdellaoui e a Iago Aspas e Lisci contrarrestou con Abel e Moi Gómez.
O de Moaña case empata cin remate abaixo, na perpendicular ao primeiro pau, que sacou Sergio Herrera coa perna.
O Celta foi moi impreciso nos minutos finais e non puido amañar o resultado, deixando que os puntos voaran de Balaídos.

Ficha

VENRES 06/02/2026 (21,00) Campo: BALAÍDOS (18.705)
R.C. CELTA : 1 – C. AT. OSASUNA : 2 (0‑1)

CEL : Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Javi Rueda (Mingueza 67’), Moriba, Miguel, Sergio (Iago Aspas 82’); Fer López (El-Abdellaoui 82’)), Borja Iglesias (Jutglà 75’), Hugo Álvarez (Swedberg 67’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Yoel; Manu; Carlos Domínguez; Ristić; Vecino; Pablo Durán).
OSA : Sergio Herrera; Rosier, Boyomo (Herrando 31’), Catena, Javi Galán; Víctor Muñoz, Rubén García (Osambela 70’), Aimar (Abel 87’), Iker Muñoz, Moro (Moi Gómez 87’); Budimir (Raúl García 70’). Tre. Alessio Lisci. (Banco: Aitor Fernández (g); Juan Cruz; Arguibide; Barja).
Goles: 0-1 Budimir 35’; 1-11 Borja Iglesias 53’(p); 1-2 Rubén García 79’.
Árbitro: Munuera Montero (Andalucía). Auxiliares: Martínez Moreno e Díaz González. 4º árb.: Expósito Jaramillo.
VAR: Pizarro Gómez. AVAR: González Fuertes.
Disciplina: CA: Rubén García 45’.; Javi Rueda 56’; Sergio 77’; Rosier 89’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios