O BNG, a única forza que obriga a Madrid a mirar cara a Galicia, segundo Pontón

 A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou na Coruña ao BNG como a “única forza que está poñendo a Galiza na axenda do Estado” e a que “garante a defensa dos intereses do País, goberne quen goberne” en Madrid. 

“Somos política que lle dá voz, que lle dá voto aos galegos e galegas na política etatal”, sintetizou Pontón, quen recalcou que un deputado e unha senadora do BNG son máis útiles para Galiza que o resto ao servizo das forzas estatais, porque estes últimos, cando se trata de escoller entre defender o País ou defender as súas direccións estatais, “sempre acaban apostando polos seus partidos”. 

Así o afirmou na Coruña xunto aos representantes do Bloque no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente, na presentación da campaña ‘Co BNG, Galiza Gaña’ para difundir os logros do traballo da organización nacionalista en Madrid en defensa do País, un acto no que tamén participou o portavoz municipal, Francisco Jorquera.

A portavoz nacional advertiu que o único que demostran as forzas estatais é a súa alternancia “na discriminación a Galiza”, dicindo unha cousa cando están na oposición e facendo a contraria cando están no goberno, o que trae sempre o mesmo resultado, “a discriminación e o agravio” aos galegos e ás galegas, afirmou, para exemplificar a continuación esta actitude discriminatoria na AP-9, que cualificou de “exemplo de manual”.

“O Partido Socialista cando gobernaba o Partido Popular dicía que a AP-9 tiña que ser transferida a Galiza e ser ademais gratuíta, pero neste momento dinnos que o rescate é inviable”, criticou, para sinalar a continuación ao PP, cuxo papel neste asunto considerou “de nota”.

Unha lamentable posición, explicou, porque foi o PP o que, primeiro, “vendeu a autoestrada a prezo de saldo a empresas amigas”, logo aprobou “unha ampliación ilegal da concesión” que é a que obriga aos galegos e galegas a seguir pagando peaxes e, posteriormente, xa non é que non trasferise a AP-9, é que mesmo “vetou o debate e só se puido levantar porque se demostrou que era inconstitucional”. “E agora vemos como ese Partido Popular que é responsable de toda esta situación rásgase as vestiduras falando do agravio da AP-9”, reprobou.

“A única maneira de cambiar este guión e facer que Galiza gane é apostar por unha forza política coas mans libres, que teña a cabeza e o corazón no País, e esa forza é o BNG”, apuntou, para subliñar a continuación que, nun escenario sen maiorías absolutas, o Bloque usa a forza que lle deron as urnas a favor dos galegos e galegas para conseguir avances concretos que melloran a vida das persoas. 

Pontón destacou “a estratexia de negociación útil, intelixente e firme” do Bloque a favor de Galiza” fronte a un goberno de Alfonso Rueda “incapaz de defender os intereses do País” nin de conseguir “avances reais”. “Nós non imos seguir esa liña que marca o PP de Rueda que é a confrontación inútil, única e exclusivamente porque llo manda o Partido Popular de Madrid”, resumiu.

“Galiza non necesita confrontación estéril e inútil, senón a defensa firme dos seus intereses e capacidade de negociación con intelixencia, con firmeza e con coherencia fronte ao Goberno do Estado, que é o que está facendo o BNG”, incidiu a portavoz nacional, quen se mostrou sabedora de que ningún goberno do Estado “regala nada”. 

“E iso é o que fai o Bloque, pelexar por Galiza, non para solicitar privilexios, senón para esixir respecto e un trato xusto para o País e que teña o que se merece, porque non somos máis que ninguén pero tampouco menos, e isto é algo que ás forzas estatais lles custa entender e que lles hai que facer entender”, reflexionou.

A líder nacionalista subliñou que esta estratexia vén avalada polos resultados obtidos grazas ao traballo no Congreso e no Senado -sendo conscientes de que “non se poden solucionar de golpe e plumazo todos os problemas”- e apuntou neste sentido aos “descontos históricos” nas peaxes tanto da AP-9 como da AP-53 ou ao impulso do saneamento da ría do Burgo, que levaba “moitísimos anos atascado”.

Na mesma liña, destacou o traballo do BNG para acabar coa discriminación de que Galiza sexa unha das poucas zonas do Estado onde non hai un tren de cercanías e que “está máis cerca de ser unha realidade grazas ao traballo do BNG” ou á proposta dunha quita da débeda pública de 4.000 millóns de euros.

“Non nos conformamos, somos ambiciosas e ambiciosos co País e imos seguir traballando no que queda de lexislatura para defender os intereses de Galiza”, avanzou, para concluír que se o BNG gaña máis peso en Madrid terá máis capacidade para facer valor os intereses dos galegos e das galegas.

Infraestruturas estratéxicas e políticas sociais

Pola súa parte, Néstor Rego sinalou que os acordos de investidura foron “avances prácticos para o País e que quedase fixada unha axenda clara de cales eran as necesidades urxentes para avanzar”: con infraestruturas estratéxicas e políticas sociais.

Conseguindo, entre outras cuestións, que se incrementen as pensións mínimas e non contributivas máis alá do IPC, reducindo a fenda de xénero e a fenda territorial; o aumento dos permisos parentais e marentais que xa está en 19 semanas “e seguiremos a traballar para que sexan 20 semanas, tal e como está recollido no acordo”; a condonación ou compensación da débeda do porto da Coruña. “Hai un compromiso para que os terreos liberados do porto interior puidesen ser destinados a usos públicos e usos sociais, ademais de que o Goberno debe financiar esas actuacións”, recalcou.

“Traballamos mesmo fóra do que implica ese acordo de investidura: nós non temos máis socio que os galegos e galegas. O BNG non asinou ningún acordo de lexislatura, si asinamos acordos de investidura que só comprometían o BNG a votar a favor da investidura, subliñou. Alén dos acordos conseguidos pola organización nacionalista, o deputado destacou o criterio político mantido: “Se do BNG depende, no Estado español ou na Galiza non vai gobernar nunca a dereita ou a ultra dereita sen que implique dar un cheque en branco a ninguén”.

Un PP que tacha Galiza en Madrid

Pola súa parte, Carme da Silva contrapuxo o papel do BNG nas Cortes do Estado conseguindo cuestións tanxíbeis e un PP que, pola contra, emprega mesmo a súa maioría absoluta na cámara alta para que os galegos e galegas teñan menos dereitos. Exemplifica esta cuestión na tramitación de proxectos de leis como a de atención á clientela ou a lei de Mobilidade onde os populares chegaron “a tachar Galiza” nunha disposición adicional introducida polo BNG no Congreso a respecto das cercanías ferroviarias.

“É o BNG quen consigue introducir na lei que se remate cunha discriminación histórica e é o PP quen emprega a súa maioría absoluta para tachar Galiza”, denunciou a senadora.

“Un Partido Popular reaccionario, que xa quitou a careta e que traballa en contra dos intereses da Galiza. O Partido Popular vota en contra dos intereses dos galegos e das galegas”, lamentou, para concluír apuntando a necesidade de que o Bloque conte con máis forza nas Cortes do Estado para lograr “máis avances para a Galiza e que teñan en conta a nosa realidade”.

Inaceptable a falta de alternativa de Renfe á suspensión do servizo

A preguntas dos medios, tanto Pontón como Rego criticaron a actitude de Renfe ao non ofrecer alternativas diante da suspensión do servizo ferroviario en Galiza polo temporal. “Nunha situación de alerta meteorolóxica é fundamental ser prudente, non criticamos que se suspendesen os servizos, pero o que non é aceptábel é que non ofrezan ningún tipo de alternativa e que deixen á xente tirada sen poñer alternativamente transporte por estrada”, denunciou o deputado nacionalista.

“É o que fan habitualmente nos casos en que hai algún corte dalgún servizo ferroviario, pero xa é o segundo día e de momento non o fixeron; resulta dificilmente explicábel este comportamento no caso de Galiza”, afondou.

Nesta liña, a portavoz nacional apuntou tamén á necesidade de que o Goberno central aumente o investimento na conservación das liñas do sistema ferroviario para que se poida manter o servizo en circunstancias climatolóxicas adversas, unha especificidade do País que tamén considerou preciso reclamar. “Porque se cada vez que temos un temporal un pouco forte, nos cortan os servizos de ferrocarril, temos un problema”, concluíu. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios