O popular censura que “Carmela López siga co mesmo sectarismo, coas mesmas compañías e intentando facer bandos” e asegura que “o que evidencia é que se illan eles mesmos”.
O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, censura unha vez máis “o sectarismo” do goberno provincial de PSOE e BNG e, máis concretamente, da súa presidenta Carmela López.
“Por moito que presuma de novas formas e dun tempo novo á fronte da Deputación de Lugo, a realidade é que nos seus feitos comprobamos que continúa co sectarismo político”, asegura o popular.
Ameijide subliña que “a presidenta di unha cousa, pero fai a contraria” como evidenciou esta mañá na presentación da Festa da Troita con Xamón que se celebrará o vindeiro domingo no barrio da Ponte, en Lugo.
“A presidenta continúa coas mesmas formas, coas mesmas compañías, co mesmo sectarismo e intentando facer bandos”, segundo considera o popular. “Isto só demostra que quen pretende illar é o propio goberno provincial, o PSOE e o BNG”, engade.
Ameijide cre que “isto só evidencia que a presidenta continúa coas políticas do século pasado propias do goberno de PSOE e BNG baixo a presidencia de José Tomé”. Polo tanto, “pretenden facer ver que houbo renovación, cando a realidade evidencia que todo segue igual” porque, de feito, “a Deputación de Lugo continúa co mesmo goberno de PSOE e BNG”.
O portavoz popular defende “a igualdade de trato a todos os lucenses e a todos os Concellos. Iso é o que vimos defendendo durante todo o mandato. Pero PSOE e BNG non deixan de dar exemplos de sectarismo, de trato diferenciado segundo a preferencia política ou o que vén sendo o mesmo, fomentando o illamento por cores políticas”.
“O goberno da Deputación Provincial debería dar exemplo de respecto e colaboración institucional, pero vemos que coa nova presidenta, continúa todo igual”, conclúe.